• Número 385
  • 12 de marzo de 2018

Persoal precario

3ª Marcha Do Persoal Precario Das Administracións Públicas

O persoal precario da administración pública organízase

A CUT súmase á “MARCHA DO PERSOAL PRECARIO DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA” que se realizará o vindeiro día 16, ás 10 horas no Parlamento en Santiago de Compostela, en defensa dos postos de traballo e na defensa duns servizos públicos de calidade.

Compostela, 5 de marzo de 2018

A Marcha do Persoal Precario das administracións públicas, que integra  diferentes colectivos de traballadores e traballadoras precarias, volverá a manifestarse nas rúas de Compostela o vindeiro venres 16 de marzo en defensa dos postos de traballo e da dignidade do emprego nos servizos públicos.

A terceira mobilización desta Marcha, que reproducirá o formato das exitosas convocatorias dos dous anos anteriores, recollerá desta volta o malestar do persoal máis feble das administracións públicas galegas, interinos e temporais que, despois de anos de prestación de servizos en fraude de lei, consideran  que as convocatorias anunciadas a bombo e platiño de emprego público vulneran os seus dereitos á estabilización e á consolidación, sendo en realidade EREs encubertos cos que a administración pretende substituír a uns traballadores e traballadoras por outros ou outras máis baratas.

A Marcha chama a todo o persoal das administracións públicas e a todos os usuarios e usuarias dos servizos públicos a sumarse a esta mobilización, coa que se pretende esixir tamén a paralización do desmantelamento dos sectores públicos esenciais, que se están a deteriorar programadamente para xustificar a súa entrega ás mans privadas.

A ausencia de persoal suficiente para sacar adiante as tarefas, as excesivas cargas de traballo que por eses recortes en persoal teñen que asumir as traballadoras e traballadores que quedan, ou o incremento do absentismo laboral por enfermidades e accidentes provocados por todo o anterior son para a Marcha do Persoal Precario condicións intolerables por máis tempo de maltrato, que pretenden ademais acelerar o proceso de destrución do público a costa da saúde das súas traballadoras e traballadores, que sofren índices de temporalidade superiores ao 50 por cento.

A Marcha pídelles tamén aos representantes legais dos traballadores e traballadoras (comités de empresa e xuntas de persoal) que non colaboren co programa de exterminio do persoal precario que pretende executar a administración, esixíndolles, moi ao contrario, que enfronten estes ataques e vulneracións de dereitos laborais con todas as armas á súa disposición, a primeira delas e a máis importante, a forza da unión das traballadoras, que se visibilizará en Compostela o 16 de marzo vindeiro.

Forman parte da Marcha do Persoal precario colectivos do SERGAS, traballadoras dos centros de coidados da Consellería de Política Social, persoal das bibliotecas públicas ou dos medios públicos de comunicación CRTVG e RTVE, persoal de Ensino, traballadoras de Correos ou do Concello de Santiago de Compostela, colectivos como a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública A Coruña, SOS Meixoeiro e outros, co explícito apoio dos sindicatos alternativos con presenza no Sergas e na Xunta de Galiza. O obxectivo final da Marcha é servir como espazo de encontro de moitas expresións de loita contra a precariedade no eido do emprego público, e como punto de partida para unha contestación social de maior envergadura a un goberno que desoe as demandas das súas empregadas e empregados, e que leva meses acelerando os ataques contra o persoal precario que xa leva anos sufrindo os efectos dos recortes e da privatización.

SÚMATE E MARCHA CON NOS!!

Teléfonos para os buses marcha do día 16.

Vigo: 604009337

Saída 8:20 Cunqueiro e Meixoeiro

Ourense:  604009372 - 636990352

Saída 8:20 do CHUO

Pontevedra: 639857238

Saída desde o pavillón de deportes ás 9:00h

A Coruña: 606146451 - 606215697

Saída 9:00 CHUAC