• Número 385
  • 12 de marzo de 2018

Desafiuzamentos

O Concello de Madrid desafiuza a pesar das súas promesas

O responsable do desafiuzamento non era, esta vez, un banco, senón o Concello de Madrid

Outra familia quedou esta mañá na rúa en Madrid. A parella, en paro, con tres fillos menores e outro bebé en camiño, perdeu a vivenda que ocupaba desde hai uns seis meses no barrio de Moratalaz despois de recibir o martes unha notificación que lle daba 48 horas para abandonala. 

Pero o responsable do desafiuzamento non era, esta vez, un banco, senón o Concello de Madrid, que o pasado 14 de setembro anunciou publicamente que paralizaba os desafiuzamentos da Empresa Municipal de Vivenda e Chan, incluídos os de ocupación, despois de que o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas condenase a España por permitir que se produzan desafiuzamentos sen que a Administración facilite unha alternativa habitacional ás familias afectadas. Pero a política municipal parece cambiar pola vía dos feitos.

“Nin sequera puideron presentar un recurso”, di Gonzalo Lisalde, da asociación Camiñar, que leva meses traballando cos menores en apoio escolar e ludoteca e coa parella proporcionándolles apoio social e xurídico. Lisalde explica que a familia acudiu á EMVS o mércores pero non se lle ofreceu ningunha alternativa, a pesar dos informes dos servizos sociais. “O Concello non ten alternativas para esta familia nin para ninguén. Como moito, o Samur Social ofréceche un albergue ao que ir durante tres días”. Desde a asociación, ademais, “estamos sorprendidos; a lei pode dicir o que queira, pero sorpréndenos moito que se lles bote da vivenda e non se lles ofreza ningunha alternativa, e tamén nos sorprende o tipo de procedemento, sen data e sen que puidesen recorrer”, engade.

Post-8M: cinco mulleres ameazadas de desafiuzamento 

Tamén esta mañá, cos ecos da mobilización da folga feminista do 8 de marzo aínda resoando nas rúas de Madrid e do Estado, o distrito de Moncloa, na capital, erguíase con outra alerta de desafiuzamento. Cinco mulleres en situación de vulnerabilidade, tres delas menores, ían ser desafiuzadas da súa vivenda, tamén pertencente á EMVS.

Marcia, o único sustento da familia, que traballa limpando vivendas por horas; as súas dúas fillas de nove e 18 anos, e as dúas fillas desta última, de dous anos e 15 días de idade, ante a falta de alternativas e a perspectiva de quedar na rúa, ocuparon unha vivenda da EMVS hai xa un ano. A vivenda levaba baleira tres anos. E a familia acudía aos Servizos Sociais do barrio, que tiñan coñecemento da situación.

“Houbo un xuízo por usurpación, pero despois de que Marta Higueras e Manuela Carmena dixesen que non ía haber máis desafiuzamentos da EMVS, estabamos tranquilas”, di Isa, de Tetuán Resiste, colectivo que convocou o stop desafiuzamentos. Con todo, hai unha semana chegou a notificación de desaloxo, e a única opción ofrecida polo Concello, engaden desde este colectivo, foi axudar a pagar o aluguer dunha habitación durante un mes. “O que pedimos é a suspensión, que regularicen a situación e as deixen vivir nesa casa ata que haxa unha solución digna para elas”, engade esta activista. “Agora din que adxudicaron a vivenda, pero é unha vivenda baleira, e que facía esa vivenda baleira durante tres anos”, insiste.

Esta mañá, cun Madrid chuvioso e unha temperatura inferior a dez graos, varios policías municipais e a comisión xudicial achegáronse ao número 49 da rúa Ofelia Nieto a executar o desafiuzamento. Varias decenas de persoas das plataformas de afectados pola Hipoteca e colectivos de barrio lograron a paralización, pero só temporal. O 4 de abril, estas cinco mulleres poden verse na rúa. “Hoxe púidose aprazar un mes e xa dixemos que ou se suspende ou aquí o día 4 imos facer barricadas. Non se pode desaloxar no inverno a unha muller que acaba de parir. Despois do que prometeron, do “Goberno do cambio”, e do 8 de marzo, Día da Muller, que estaban todas aí [Manuela Carmena e outras concelleiras] en primeira plana [da manifestación], isto é un insulto á muller e ao ser humano”, finaliza.

Ao peche destas liñas, este medio aínda non recibiu unha resposta por parte do Concello. Os concelleiros presidentes das dúas xuntas de distrito nas que se produciron os desafiuzamentos mostraron publicamente en redes sociais o seu desacordo coa política de desafiuzamentos do seu Consistorio. É o caso de Monstserrat Galcerán, concelleira de Moncloa e Tetuán, e de Pablo Carmona, de Moratalaz.

O Salto