• Número 381
  • 12 de febreiro de 2018

Universidade

Reunións realizadas a pasada semana: Reunión da Xunta de Persoal e reunión da Xunta de Persoal coa Xerencia

Resumo das reunións realizadas a pasada semana

A pasada semana, o día 7, realizouse unha nova reunión da Xunta de Persoal para, esencialmente, preparar a reunión do día 8 convocada pola Xerencia coa finalidade de avanzar no estudo dos temarios da promoción de 2017. Pasamos a resumir o desenvolvemento de ámbalas dúas reunións.

O pasado día 7, mércores, reuniuse a Xunta de Persoal con dous puntos a tratar:

1.    Temarios e normas específicas da promoción interna de 2017.

2.    Constitución do grupo de traballo de conciliación-acción social

3.    Quenda aberta de intervencións

Decisións adoptadas:

Temarios e normas específicas da promoción interna 2017

1.    Grupos A1 e A2. Os temarios deberán estar divididos en 5 bloques, catro de temas específicos da praza e un de lexislación específica que non entrará nin no 3º nin no 4º exercicio.

2.    Os temarios deben ser concretos para facilitar tanto a súa preparación como o traballo do tribunal.

3.    Os temarios, na medida do posible, deben ter como referencia a carta de servizos do servizo da praza suxeita a promoción, co nivel de esixencia correspondente ao grupo de acceso.

Presentaranse temarios alternativos dos Grupos A1 e A2 de informática e intentaremos, dentro das posibilidades, dos demais.

Acordouse asistir ás reunións que se convoquen do grupo de traballo de conciliación-acción social.

Na quenda aberta de intervencións o presidente comenta que @s traballador@s afectadas pola modificación do Artigo 5 da Resolución de Xerencia do 2 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de traballo do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña, solicitan que se reconsidere o prazo de 6 meses para poder optar a unha mellora de emprego.

A maioría da Xunta de Persoal considera que, dadas as circunstancias, é mellor non tocar ese artigo, polo menos, de momento.

Día 8, reunión coa Xerencia.

Transmítense as decisións adoptadas pola Xunta de Persoal na reunión do día 7.

Quédase á espera de que a Xunta de Persoal remita os temarios alternativos para convocar unha nova reunión.

Quenda aberta de intervencións.

A preguntas reiteradas sobre a situación térmica da Reitoría, o xerente sinala que se está en vías de solucionar esta situación non só na Reitoría senón en todos os centros da UDC. Realizouse un estudo enerxético comezando polo Edificio de Servizos Centrais de Investigación, Ciencias do Deporte e A Maestranza, posteriormente realizaranse estudos deste tipo nos outros centros. O estudo xa está rematado e hai proxecto para solucionar os problemas detectados. Agora mesmo estase na fase de conseguir financiamento. Para este ano non haberá solución, espérase que para o vindeiro ano estea solucionado.

A unha pregunta sobre a situación dos nomeamentos do grupo C1 da escala xeral, o xerente sinala que os nomeamentos xa están enviados ao DOG. A outra pregunta sobre o motivo desta demora inxustificada sinala que non pode transmitir esas circunstancias.

Reiteróuselle a petición de transmitira a memoria xustificativa que establecería que o cómputo de tres anos para levar a efecto a convocatoria da OPE de 2015 comezaría no ano 2017 tal e como nos sinalara na reunión do día 22 de xaneiro.

Insiste en que legalmente iso é así, e que nos transmitirá proximamente o documento.

Respecto das dúas prazas que na OPE de 2015 se asignaban ao grupo E-AP e que deberían aparecer como grupo C2 sinala que das conversas mantidas coa Consellería podería realizarse mediante a anulación desas prazas na OPE de 2015 incrementando esas dúas prazas a OPE de 2018, é dicir que se, segundo os nosos cálculos, a taxa de reposición do ano 2017 é de 9 prazas, a OPE de 2018 terían que aparecer 11 prazas e dúas delas serían as que se anularan da OPE de 2015.

Esperamos que entenderades este galimatías, se non é así quedamos á vosa disposición.