• Número 381
  • 12 de febreiro de 2018

ECOLOXÍA

A mina de Touro, unha 'bomba de reloxería' de por vida

os efectos prexudiciais non parecen ter fin

Resulta inverosímil, case ficcional, o poder que acumula a simple posibilidade do negocio, de facer diñeiro contante e sonante, aínda que se ensucie polo camiño. A pesar de que se mova por un vórtice carente de empatía e conciencia. Contaminante e sen límites, nin sequera o aire que respiramos, a terra que pisamos ou a auga que bebemos parece poñer freo ás súas andainas.

Esta vez é a reactivación mina de Touro a que chama ao diñeiro, disposta a esnaquizar o estado ambiental da zona ou a saúde e sustento de centenares de veciños que non se quedan de brazos cruzados. Unha auténtica catástrofe que asoma os seus perigos e que os seus principais promotores, a multinacional Atalaia Mining en asociación con Explotacións Galegas, defenden contra vento e marea como unha solvente maneira de crear emprego e, por suposto, de negocio, ante a crecente demanda de cobre de certos países emerxentes como China.

Non é a primeira vez que a mina de Touro, situada nos municipios coruñeses do Pino e Touro, causa desfeitas ambientais nunha zona que sufriu unha potente deterioración. De feito Xaquín Rubido, presidente da 'Plataforma en Defensa dá Ría de Arousa', infórmanos de que o estado da antiga mina, activa de 1973 a 1986 para entón ser abandonada, é un dos principais perigos que supón a súa nova posta en marcha.

ÁCIDO SULFÚRICO E METAIS PESADOS

 “Cando a mina cesa a actividade, a Administración que debería tutelar, vixiar e obrigar á empresa encargada a tomar as medidas de restauración para devolver a paisaxe ao seu estado orixinal, non fixo absolutamente nada”, explícanos Xaquín, indicando que a acidificación se segue a producir: un proceso a través do que, ao moler e triturar a pedra, sulfuros de ferro e de cobre da zona entran en contacto co osíxeno do aire e a auga da chuvia, para logo formar ácido sulfúrico. Este composto, de sobra coñecido pola súa capacidade corrosiva, libera metais pesados “que se mobilizan e pasan á auga, para acabar no río Ulla” e logo, na Ría de Arousa.

A herdanza da antiga mina, conformada por vertedoiros de estériles, instalacións e balsas de lodos abandonadas, traduciuse nun "espazo degradado e contaminado” polas drenaxes ácidas que acababan no Ulla, tal e como nos contan desde a 'Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON'.

Esta acidificación constitúese como unha nefasta consecuencia que coa reactivación só irá a peor. A contaminación derivada afectaría á potabilidade da auga que fornece a varias localidades e explotacións gandeiras, así como aos seus ecosistemas e a rendibilidade da ría de Arousa, “a máis produtiva de Europa, onde se produce o 70% do mexillón de todo o Estado español”, de acordo a Xaquín Rubido. Máis que crear emprego, presenta a capacidade de destruír unha importante parte do sector do mar galego, así como do prezado valor turístico e gastronómico de Galicia.

Pero non terminan aquí os problemas que acarrexa o negocio mineiro de Touro. Tamén hai que falar do seu tamaño, de preto de 700 hectáreas aínda que con capacidade de chegar ás 2.000 hectáreas. Semellante extensión de terreo implica un fortísimo impacto por acidificación, ademais do uso de máis de 10.000 toneladas de produtos químicos, algún canceríxeno, para “extraer o cobre por flotación”.

E os efectos prexudiciais non parecen ter fin: seis voaduras a diario que poden provocar movementos sísmicos, o desvío de dous arroios e a destrución de 20 mananciais e depósitos de auga que abastecen á veciñanza circundante, datos plantexados pola Sociedade Galega de Historia Natural; varias explotacións gandeiras que quedarían sen "a súa base territorial", ao estar moitos dos terreos da zona dedicados á agricultura, un dos principais motores económicos destes municipios; ata o camiño de Santiago nalgún dos seus tramos máis próximos ao Pino verase afectado, de acordo ao explicado pola 'Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON'.

BALSAS QUILOMÉTRICAS

Queda falar dos residuos restantes, ácidos e mesturados cos produtos químicos, que permanecerán almacenados en balsas quilométricas, esquecidos e á espera de ser liberados. “A presión dos lodos acidificados nas balsas”, comenta Xaquín, “é unha auténtica espada de Damocles”, unha case perpetua ameaza que podería romper e soltar todos os contaminantes, e que supón un perigo maior se temos en conta que os seus muros poderían alcanzar a altura de 80 metros, tanto como a catedral de Santiago.

Parece de película de terror que, “a escasos 200 metros da aldea de Arinteiro, na parroquia de Loxo e onde viven 12 familias e hai cinco granxas”, explícanos a 'Plataforma Veciñal', “colocarase unha enorme balsa de lodos, impermeabilizada por unha simple geomembrana de 1,5 milímetros e rodeada por un muro perimetral de contención de case 3 km de lonxitude.”

Fonte ADEGA.

Recollido de Galicia Press