• Número 381
  • 12 de febreiro de 2018

Lingua - A Mesa Pola Normalización Lingüística

A Mesa apoia a proposta de Fala Ceibe para fomentar o galego no Bierzo

A recuperación da toponimia tradicional en galego resulta fundamental

CONTIDO DO CONVENIO PARA A PROMOCIÓN DO GALEGO NOS ENTES LOCAIS DO BIERZO:

Os entes locais do Bierzo, Consello Comarcal do Bierzo, concellos e pedanías, carecen de medios persoais, económicos e materiais. De aí a necesidade de unir esforzos administrativos entre a Xunta de Castela e León, Xunta de Galiza e Consello Comarcal Berciano nun convenio de colaboración para o fomento da lingua galega nos entes locais.

O convenio de colaboración debería facer referencia a diversos contidos. Entre eles a creación do servizo lingüístico interadministrativo, a cargo do Consello Comarcal do Bierzo. O servizo elaboraría, asesoraría e executaría labores de promoción do galego (documentación bilingüe, tradución, léxicos, propaganda institucional, rotulación bilingüe, etc) para os diversos entes locais. Tamén coordinaría os cursos de galego para persoal administrativo.

Outro contido do convenio sería o referido á elaboración de páxinas web dos diversos entes locais do Bierzo, Consello Comarcal, concellos e pedanías, con presencia dixital da lingua galega.

A recuperación da toponimia tradicional en galego resulta fundamental para a conservación desta lingua no Bierzo occidental. O mencionado convenio de colaboración debe facer mención á intervención da Comisión de Toponimia de Galiza neste proceso de normalización lingüística.

A promoción turística do Bierzo occidental non pode pasar por alto a presenza da cultura e lingua galegas. Demandamos a existencia do galego en folletos turísticos, topónimos, mapas, publicidade escrita e oral en medios de comunicación, etc. Incluso os espacios naturais comúns a Galiza e O Bierzo, caso das serras dos Ancares, Os Cabalos e da Enciña da Lastra, vías de comunicación, como o Camiño de Santiago e Camiño de Inverno por Valdeorras, deben unificar a promoción turística en lingua galega con Galiza.

O dereito consuetudinario, propio das pedanías do Bierzo, debería ter o seu espazo no convenio de colaboración. A recuperación e conservación do dereito comunal resulta viábel a través das ordenanzas escritas conservadas e costumes orais locais. Por suposto, a recompilación deste dereito consuetudinario do Bierzo occidental débese facer en lingua galega, propia dos cidadáns e cidadás bercianas dese territorio.

A Mesa Pola Normalización Lingüística