• Número 381
  • 12 de febreiro de 2018

Folga feminista

E eu que teño que facer? O papel dos homes na folga do 8M

Que deberían facer os homes que apoian a folga feminista do 8 de Marzo? Deben facer folga no traballo? Outra vez falando de homes?

Se son home e apoio a folga feminista do 8 de Marzo, que teño que facer exactamente? A pregunta sobrevoou a última parte do debate Que é unha folga feminista?, organizado polo Salto o 3 de febreiro, no que participaron oito mulleres do movemento feminista e máis de 150 persoas entre o público.

Un home preguntaba á mesa se tiña que facer folga. Outro collía o micrófono para sondar a quen coidaba se non tiña persoas ao seu cargo. “Teño que organizarme con outros homes?”, preguntaba outro.

Tecnicamente, a folga de 24 horas á que se adheriu CXT, CNT, CUT, Sindicato Labrego Galego, a Intersindical-CSC ou o Movemento Asembleario de Traballadores/as da Sanidade —así como CC OO, UXT e CIG con paros parciais— está dirixida por igual a homes e mulleres, tal como esixe a lei. Tódalas persoas que desexen ir á folga estarían polo tanto amparadas polas leis que regulan o dereito á folga. Con todo, o movemento feminista acouta: trátase dunha folga de mulleres.

 “Precisamente o que queremos é visibilizar que se paramos nós para o mundo. Se quixésemos outra cousa chamariamos a unha folga xeral de todo o mundo”, di Justa Montero, histórica activista do movemento feminista, desde a mesa de relatoras.

A folga, convocada pola Plataforma 8 de Marzo, onde participan máis dun centenar de organizacións feministas, foi exposta como folga laboral, folga de coidados, folga de consumo e folga estudantil. Unha folga que forma parte, tal como insisten desde a Comisión, dun proceso: “Porque deixar de responsabilizarnos nós dos coidados un día, igual que deixar de consumir un día, non significa nada... a proposta é para cuestionar e facer visible socialmente e nas nosas contornas próximas que pasaría se as mulleres facemos folga”.

Carlota Álvarez Maylín, da Comisión 8 de Marzo, móstrase tallante: “Nós chamamos á folga a todas as mulleres desde a interseccionalidade, é dicir, a mulleres, bolleras e trans, non a máis xente. Cal é o papel dos homes? Cubrir os servizos mínimos. Van ter que ir ao traballo igualmente. Porque nós non imos valorar o éxito da folga se se paralizan tantas fábricas, porque a maioría de nós non estamos nas fábricas. Estamos noutra chea de sitios, no sector dos servizos, nos coidados”.

Con todo, os interrogantes son moitos, non só para os homes. Entre o público, unha muller pregunta en voz baixa ao seu veciño de cadeira: “Se fago folga de coidados e non levo aos meus fillos ao colexio, teño que quedarme con eles na casa. Ou ten que coidalos o meu compañeiro e facer folga el?”.

“Cando nos preguntan como imos parar non temos todas as respostas. Non se fixeron folgas de coidados masivas, é algo novo”, comenta Viviana Dipp Quitón, tamén da Comisión 8 de Marzo. “Por sorte, algo que nos sobra ás feministas é imaxinación, pensar un mundo diferente, imaxinarnos outro mundo posibles, ter esa intelixencia colectiva e comunitaria, resolver problemas. As mulleres viñémolo facendo durante séculos, así que atopemos as solucións”, engade.

Consultado sobre este tema, Miguel Lázaro, da Asociación de Homes pola Igualdade de Xénero (AHIGE), aclara ao Salto a posición do seu colectivo: “Os homes debemos dar apoio, cobertura, acompañamento e colaboración para permitir a participación das mulleres. E especialmente debemos informarnos sobre os motivos da folga e reflexionar sobre a desigualdade estrutural que denuncian, e así involucrarnos individual e colectivamente para acabar con ela”.

Trátase dunha folga, di Lázaro, que debe ser liderada por mulleres: “Se os homes tamén facemos folga laboral limitamos o seu impacto e alcance, e restámoslles protagonismo [ás mulleres]. En sectores con alta presenza feminina debemos cubrir os servizos mínimos, e instamos a compartir a paga dese día coas mulleres en loita que fagan folga. Os homes si podemos e debemos participar na folga estudantil e de consumo”.

Unha folga diferente, un proceso

Moitas das presentacións da folga do 8M en barrios e pobos terminaron, conta Haizea Miguela, falando en torno ao emprego e ao papel dos homes, cando se trata neste caso de “unha folga de mulleres”. Esta activista feminista identifica este 8M como unha oportunidade, como o foi o seu precedente en Islandia en 1975, para loitar contra a violencia machista, as fronteiras, as desigualdades e conseguir unha repartición xusta dos coidados. Aínda que, recoñece con ironía, “quizá non todo se consiga cambiar este día”. O realmente importante, continúa Haizea, é “que os homes se pregunten por que se propón esta folga e que teñen que facer para evitar unha segunda folga”.

É unha oportunidade, enlaza desde a mesa Rafaela Pimentel, do colectivo Territorio Doméstico, para reflexionar sobre “por que esa amiga ten que correr para levar ao neno ou á nena á escola ou por que lle toca sempre a ela ter que coidar á súa nai”. E augura un mes movido: “Febreiro debe ser noso, imos quitarllo a ese San Valentín noxento e imos telo para falar de nós, que se deixen de agasallos do Corte Inglés”.

Nunha folga de mulleres, o traballo de coidados —realizado na súa enorme maioría por mulleres— necesariamente debe estar no centro. Para Xusta Montero, a folga do 8M debería servir para reflexionar e falar na contorna familiar, no círculo de amizades, na parella, no barrio ou nos colectivos sobre como se van a organizar ese día as tarefas que normalmente asumen as mulleres. “Antes do 8M teriamos que falar sobre como nos organizamos na vida cotiá para ver que pasa coas persoas en situación de dependencia, nas escolas infantís, nos centros de día, ver que carencias hai e esixir… porque o 8M é un día de esixencia aos homes, á sociedade e a todo o mundo”.

Para Xusta Montero, a receita para “acabar de falar dos homes” é que estes escoiten. “Escoitade ás mulleres que tedes ao voso arredor e diranvos unha chea de cousas moi importantes que poderedes facer: se non se vos ocorre nada seguro que é un día perfecto para facer limpeza xeral da casa”, di Montero, e soan os aplausos na sala. “Para nós sería un apoio nese día pero tamén vos imos a emprazar para que sexa igual ao día seguinte, porque se non, non nos serve de nada a palmadiña nas costas do 8M”.

Unha folga de coidados é unha folga moi particular. Pódese deixar de coidar? En moitos casos —recoñecen desde a mesa— non se pode. Quen coida entón? Cada caso é distinto, como os modos de convivencia e tipos de familia, pero como resposta xenérica as relatoras responden: os homes. En efecto, iso suporá en moitos casos que teñan que facer folga laboral. Doutra forma, a folga de coidados sería literalmente imposible.

“Se tes fillos, igual te tés que quedar con eles”, dilles Haizea Miguela aos homes da sala. “E entón é moi difícil que poidas ir ao teu traballo. Se te tés que encargar dos coidados que normalmente se encargan as mulleres de súpeto podes contar nesa folga”, engade.

Entón, que teño que facer: ir ou non ir á folga?

“E eu que teño que facer?”, parodia Haizea Miguela a pregunta que tantas veces lle fixeron. “Cona, tío, que é que facemos a folga por isto, porque todo o intre preguntádesnos ‘e eu que teño que facer?’”.

O Salto