• Número 381
  • 12 de febreiro de 2018

CUT. 8 DE MARZO, FOLGA FEMINISTA

A CUT convoca folga de 24 horas para o 8 de marzo

recoller o desexo expresado polo movemento feminista de realizar una folga laboral que perdure toda a xornada do 8 de marzo que, ao mesmo tempo, estará acompañada dunha folga de coidados e de consumo

O pasado martes 6 de febreiro, ás cinco da tarde, as secretarías das mulleres da CUT e do Sindicato Labrego (SLG), xunto o Sindicato Ferroviario Intersindical (SF), e co total apoio do Sindicato da Elevación (SE) de Galicia, rexistraron en conxunto o preaviso de folga laboral de 24 horas de duración convocada para o vindeiro 8 de marzo en Galiza. Os sindicatos entregaron estes preavisos ante a Consellería de Traballo da Xunta, en San Caetano, e a  Confederación de Empresarios de Galicia, tamén en
Compostela.

As centrais sindicais coinciden en recoller o desexo expresado polo movemento feminista de realizar una folga laboral que perdure toda a xornada do 8 de marzo que, ao mesmo tempo, estará acompañada dunha folga de coidados e de consumo.

As violencias que atravesan ás mulleres polo mero feito de selo deixan as súas marcas en todos os ámbitos da vida, incluídos os propios corpos. Como sindicatos, sabemos que sen mulleres o traballo productivo e reproductivo colapsarían e, pese iso, sofren agresións nos seus centros de traballo que van desde a discriminación salarial ao acoso laboral e sexual.

As mulleres continúan a ser minoría nos altos postos de coordinación e responsabilidade malia representar a maioría das persoas licenciadas na universidade e educación superior. En sectores feminizados e precarizados como o da limpeza, as traballadoras sofren de enfermidades laborais apenas recoñecidas como o síndrome do túnel carpiano, lesións lumbares, alerxias e dermatite. A maiores, as traballadoras do fogar continúan sen ter o dereito recoñecido a cobrar o subsidio por desemprego aínda que diversas organizacións, e as traballadoras mesmas a través de recolectas de sinaturas, solicitasen ao Goberno español que ratificase o Convenio 189 da OIT.

A nula vontade da patronal e da Administración por eliminar estas violencias contra as mulleres é insultante. Por iso, as centrais sindicais convocantes chaman a tódalas traballadoras a secundar esta folga feminista xeral e legal de 24 horas en todos os sectores e centros de traballo de Galiza. Instan tamén a secundar as folgas de coidados, consumo e estudantil porque a violencia contra as mulleres se atopa nas triples xornadas que se ven abocadas a realizar, a taxa rosa en productos básicos ou a imposibilidade de estudar a xenealoxía das mulleres nas aulas de educación obrigatoria.

As razón para facer un chamamento á folga feminista deste 8 de marzo sobran para estas centrais sindicais que desexan xunto co movemento feminista que este paro de 24 horas faga entender a todos os poderes, privados e da Administración, que se as mulleres paran, para o mundo.