• Número 380
  • 05 de febreiro de 2018

Opinión -Juan Carlos Arias

CCOO e UGT aceptan unha das esixencias históricas da patronal

Ninguén dubida de que a crise foi descargada sobre as costas dos traballadores

Ninguén dubida de que a crise foi descargada sobre as costas dos traballadores á conta dun ataque brutal sobre os nosos ingresos e condicións. Pero tamén a recuperación (xa se pasou o PIB de 2007) está a fundamentarse sobre un crecente espolio sobre a clase traballadora para incrementar os beneficios empresariais todo o posible. A fórmula principal para incrementar a extracción de plusvalía está a ser a de elevar a produtividade á conta de máis horas de traballo e redución dos salarios ao mínimo vital.

Con todo, as cúpulas dos sindicatos burocratizados, CC.OO e UGT, continúan mirando para outro lado. A compracencia e colaboración coas patronais e o goberno de Rajoy durante estes anos fixeron posible a forte desvalorización salarial xeneralizada durante todo este período (dun 10% de media, pero que chega ata un 33% para as franxas máis baixas) e a perda dos dereitos laborais sufridos.

En lugar de dar a batalla necesaria, debilitaron enormemente as loitas, contribuíndo a socavar a confianza nas propias forzas da clase traballadora. Aceptando de facto a reforma laboral de Rajoy, con apenas dúas folgas xerais de 24 horas convocadas con bastante timidez, ou favorecendo o illamento, cando non a traizón aberta, en conflitos que podían haber significado fitos para cambiar o rumbo, como a folga mineira, a folga de Panrico ou a de Movistar.

Basearon toda a súa política sindical na firma de acordos de moderación salarial coa patronal, os famosos Acordos para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), que posibilitaron a desvalorización salarial. Así como en asinar pactos co goberno de Rajoy que, por activa ou por pasiva, daban viabilidade aos recortes sufridos nos dereitos económicos e sociais nun clima de predominante calma social.

Aínda que agora as cúpulas sindicais de CC.OO e UGT elevasen o ton dalgunhas das súas declaracións esixindo unha “subida de salario”, ante as escandalosas cifras de crecemento do beneficio empresarial nun contexto de gran precarización e salarios de pobreza, fano en forma de pantomima reivindicativa e coma se non existise ningunha responsabilidade nas súas políticas dos últimos anos.

Ata agora non convocaron ningunha asemblea nin mobilización, máis aló dalgúns actos simbólicos para cubrir o expediente e tratar de frear o seu crecente desprestixio. O esencial da súa política segue en pé. UGT está a propoñer unha subida do 1,5% máis a inflación e que se estableza un salario mínimo por convenio de polo menos 1.000 euros, algo moi lonxe do mínimo de recuperar o perdido en 10 anos de retroceso permanente e que promete licuarse na mesa de negociación.

Para o resto do aumento salarial asumen a proposta histórica da patronal de que se vincule á produtividade dos sectores e as empresas, coma se os traballadores puidesen influír na produtividade, unha variable puramente empresarial dependente do seu grao de investimento e modernización en competencia co resto de capitalistas.

O único freo posible á dinámica de perda constante sería un incremento da organización e loita da clase traballadora, modificando a correlación de forzas e tratando de recuperar salarios e dereitos para poder pasar á ofensiva e lograr unha mellorar substantiva das condicións de traballo e salario.

Só poñendo en marcha grandes mobilizacións e a loita desde os centros de traballo, para volver á rúa, se poderá evitar que a súa “recuperación” sexa tamén pagada pola clase traballadora. Neste sentido é urxente que a esquerda sindical busque a confluencia e unidade de acción coas bases de CC.OO e UGT, e denuncie e esixa publicamente ás direccións destas centrais que poñan fin á súa criminal política dos últimos anos.

Deste xeito pódese crebar a paralización que veñen impoñendo as cúpulas dos sindicatos burocratizados sobre unha gran parte da nosa clase, e avanzar na unificación das filas das e dos traballadores para facer fronte á ofensiva patronal cun plan de loita pola recuperación dos salarios, condicións e convenios perdidos, e por empezar a atallar os grandes problemas sociais que deixa a resaca de 10 anos de crise.

Só por esta vía se poderían atacar males como o desemprego de masas, impoñendo medidas como a repartición de horas de traballo sen redución salarial. Algo esencial para frear a brecha que separa á clase obreira entre os desempregados e precarizados e os traballadores que aínda conservan, de momento, mellores condicións relativas de traballo.

Izquierda Diario