• Número 380
  • 05 de febreiro de 2018

Legal - Sector público

A xustiza europea a favor da readmisión de interinos se hai despedimento ilegal

A avogada xeral Juliane Kokott considera que sofren un trato discriminatorio

Os traballadores temporais do sector público que foron despedidos de maneira ilegal deben poder elixir ser readmitidos no canto da correspondente indemnización, segundo as recentes conclusións nun asunto español da avogada xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Este xoves déronse a coñecer estas conclusións, paso previo á sentenza do tribunal, nun asunto que afecta a unha enfermeira española, contratada temporalmente, que foi despedida por motivos disciplinarios e que agora loita ante os tribunais nacionais para ser readmitida ao servizo do hospital.

Tras tres anos de excedencia, a enfermeira solicitou volver ao traballo, pero comunicóuselle que non había ningún posto libre. Despois doutros dous anos ofrecéronlle un posto a tempo parcial, ao que non se presentou dado que aspiraba a un traballo a xornada completa. O Consorcio Sanitario de Terrassa, que xestionaba o hospital, despediuna por motivos disciplinarios. A enfermeira recorreu o despedimento ante o xulgado do social, solicitando ben unha indemnización, ben a súa readmisión no seu posto de traballo. O tribunal elevou unha cuestión prexudicial ao tribunal europeo e, tras facerse públicas as conclusións sobre o caso da avogada xeral, parece que, unha vez máis, a xustiza europea está ao lado dos interinos españois.

A avogada xeral alemá, Juliane Kokott, propón no seu escrito ao TXUE que se pronuncie a favor do dereito da reclamante. Segundo kokott, a lexislación española estaría a discriminar aos interinos e contratados temporais ao non conferirlles un dereito legal a ser readmitidos se o seu despedimento é declarado ilegal, da mesma maneira que se recoñece aos empregados públicos fixos. A cuestión é, aclara a avogada, se, no caso de que o seu despedimento sexa declarado improcedente, a enfermeira pode alegar, do mesmo xeito que un empregado público fixo, o dereito a ser readmitida.

O problema provén das distintas consecuencias xurídicas dun despedimento disciplinario ilegal conforme á normativa nun e outro suposto. O Estatuto Básico do Empregado Público recoñece este dereito ao empregado fixo, mentres que o Estatuto dos Traballadores, aplicable aos contratados temporais do sector público, deixa en mans do empresario a elección, unha vez que o despedimento sexa declarado improcedente, entre readmitir ao traballador ou pagarlle unha indemnización.

Aínda que a decisión sobre se o concreto despedimento foi ou non improcedente debe decidilo o xuíz nacional, neste caso o Xulgado do Social n.º 2 de Terrassa, a conclusión á que chega Kokott é clara. Para impedir que se produza esta discriminación, prohibida polo normativa marco aplicable aos traballadores da Unión Europea, debe concederse ao interino, polo menos, o mesmo dereito xenérico de solicitar a readmisión en plantilla que ten o empregado público fixo.

Neste sentido, a avogada xeral recalca que a situación dos traballadores temporais e os fixos do sector público é comparable obxectivamente, e non cabe trato discriminatorio en relación ao dereito de readmisión. O mero feito de que os segundos accedesen a través dun proceso selectivo non xustifica obxectivamente esta diferenza de trato. Ademais, alega, a readmisión dun traballador temporal non supón que o seu contrato se converta en indefinido. Tampouco considera razoable que esta situación discriminatoria se xustifique por cuestións de índole orzamentaria ou financeiras.

A avogada xeral non é allea ao problema que poida expor unha resolución do tribunal europeo neste sentido, e recoñece no seu escrito que a readmisión de interinos e traballadores temporais na Administración Pública pode levar, nalgúns supostos, a "dificultades prácticas insalvables". Apunta casos nos que non sería razoable esixir ao empregador esta readmisión, como, por exemplo, se o despedimento está motivado pola perda de confianza mutua, ou se, namentres se resolve o proceso laboral, a praza do interino resultou xa cuberta. Pero, engade, non parece que no caso concreto que debe resolver o tribunal de xustiza, parece que existan indicios que desaconsellen a readmisión da enfermeira, polo menos, ata que se cumpra o tempo convido.

O status dos interinos

Este asunto enmárcase nunha serie de procedementos ante a xustiza europea, todos eles relacionados co principio de non discriminación dos traballadores con contratos de duración determinada. Tal e como indica a avogada xeral, a maior parte relativos aos problemas xurídicos que expón o contrato de traballo de interinidade español, mentres que outros se refiren a outras modalidades de contratos temporais existentes en España.

A condición xurídica dos interinos españois preocupa na Unión Europea, e en concreto ao tribunal de xustiza. A protección fronte aos abusos e o trato discriminatorio dos traballadores temporais foi examinada nunha serie de recentes e relevantes sentenzas, como a sentenza de 14 de setembro de 2016, no caso de Diego Porras, por mor da cal os traballadores interinos poden solicitar unha indemnización ao resolverse o seu contrato, que os tribunais fixaron en 20 días por ano de servizo.

Os tribunais españois invocaron nas súas resolucións a xurisprudencia do tribunal europeo, como nunha recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que, nunha sentenza do pasado mes de xuño, ordenou a readmisión dunha funcionaria interina que quedou sen traballo tras oito anos desempeñando funcións de auxiliar administrativa na administración galega.

CincoDías