• Número 380
  • 05 de febreiro de 2018

Universidade

Resumo do Consello de Goberno do día 31 de xaneiro

Asistimos ao Consello de Goberno para transmitir o parecer do colectivo

O pasado día 31 de xaneiro realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno, o noso compromiso, aparte da participación activa na toma de decisións que afectan á institución, é o de ser os voceiros, o altofalante que transmita ao resto da comunidade universitaria as cuestións de interese para o colectivo.

Desenvolvemento

Informe do reitor:

Como vos informamos no anterior PASquín a continuidade do correo electrónico persoal outorgado pola institución, unha vez que deixamos de ser traballador@s en activo, está en vías de ser revisado, o reitor referiuse a esta circunstancia nestes termos:

Os Servizos informáticos manifestan a necesidade de expurgar as contas de correo electrónico inactivas. O servizo solicita a suspensión das contas unha vez que finaliza a relación laboral coa universidade. A dirección do servizo e o propio equipo de goberno entenden que é unha decisión moi drástica, optándose pola proposta xa manifestada no PASquín anterior e que o reitor reitera.

En resumo a decisión adoptada é a seguinte: Ao cumprirse os 5 anos do cese da relación laboral coa Universidade, o Servizo requirirá a cada unha das persoas nesa circunstancia, a decisión sobre se queren continuar coa conta de correo ou non. No Servizo actuarán segundo a decisión adoptada en cada caso. Despois desta primeira etapa, a “renovación” farase anualmente.

Sinala, ademais, que non se trae ao Consello de Goberno como normativa porque esta circunstancia precisa unha avaliación máis meditada.

Informe do xerente:

O xerente informa de varias medidas adoptadas no eido económico e tamén da reunión coa Xunta de Persoal realizada o pasado día 22, subliñando a posta en marcha do grupo de traballo constituído para a bordar os temas de conciliación e acción social.

Nada fóra do normal no resto de puntos da orde do día. En todos os puntos que se procedeu a realizar votación o resultado foi favorable á proposta oficial.

Quenda aberta de intervencións

A representación do PAS reitera a súa proposta para regulamentar o uso das contas de correo unha vez se produza o cese da relación laboral coa institución que xa vos manifestamos e que reiteramos:

Para nós, o uso da conta de correo electrónico é xa unha manifestación de que a persoa nas circunstancias sinaladas quere seguir utilizándoa, polo tanto corresponde dar de baixa, de xeito automático, as contas que no prazo que se determine non utilizan o servizo. De darse de baixa unha conta e a persoa querer seguir utilizándoa, será a propia usuaria quen teña que manifestalo ao Servizo procedendo este á reactivación da conta. A nosa proposta axiliza o proceso de baixas e reduce o traballo administrativo no Servizo.

Sinalamos que na intervención do reitor non se establece criterio ningún para o estudantado que deixa de ter vínculo coa Universidade.

O reitor manifesta, de novo, as bondades da proposta que presentou que reitera que procede do propio servizo, establecendo un procedemento que entende fácil de utilizar por ámbalas partes:

Ao cumprirse os 5 anos da baixa o Servizo requirirá a manifestación de continuidade ou non mediante a notificación por correo electrónico sinalando unha páxina web de aceptación ou non da súa continuidade no servizo de correo. Posteriormente realizaríase a mesma xestión cada inicio de curso.

@s estudantes non se lles anula a conta de correo porque á institución interésalle seguir mantendo o vínculo con el@s.

A representación do PAS sinalamos o importantísimo retraso que se produce coa toma de posesión nas promocións da escala administrativa (grupo C1) desta Universidade.

Non se entende que  o tribunal publique as valoracións definitivas do procedemento o día 14 de novembro e, o día da reunión coa Xunta de Persoal, o 22 de xaneiro, aínda non se enviara ao DOG. Sinalamos que se noutras ocasións rexeitamos o proceder laxo do tribunal, nesta ocasión o retraso é culpa exclusivamente da institución. Un retraso inxustificable e que prexudica dun xeito importante, tanto economicamente como na antigüidade no posto @s traballador@s afectad@s.

O xerente establece que no día de onte (30 de xaneiro) ou no día de hoxe (31 de xaneiro) se enviaría ao DOG a comunicación.

A representación do PAS manifesta o desacordo coa actuación do tribunal do proceso de promocións da escala xeral ao darse a circunstancia que, a día de hoxe, aínda non ten finalizado o proceso de promoción da escala de xestión, grupo A2.

O xerente sinala que á marxe do proceder do tribunal ten que recalcar que a institución puxo a disposición do tribunal todos os medios que se solicitaron, que neste momento o proceso da escala de xestión está exclusivamente suxeito aos prazos que son de aplicación.

Orde do día