Xullo de 2010
 
 

05/07/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Crecen as denuncias por violencia de xénero en Galicia

 

 

Cando, no que vai de ano, xa van 36 mulleres mortas por asesinatos machistas, coñecemos que o número de denuncias por violencia de xénero en Galicia no que vai de ano ascende a 1.564. A cifra é "sensiblemente superior" á rexistrada no mesmo período do ano pasado.

 


 

 

 

O delegado do Goberno na Comunidade Autónoma, Antón Louro informou na inauguración en Vigo dunha xornada formativa sobre o sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero que entre o 1 de xaneiro e o 16 de xuño solicitáronse 1.079 ordes de protección, das que se concederon máis do 90 por cento.

Destacou a utilidade do sistema de seguimento integral, cuxo obxectivo básico é "ter constancia permanente da situación na que viven as vítimas para evitar unha nova agresión".

Esta ferramenta foi posta en marcha en 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade, do Ministerio do Interior, e integra a información e os recursos operativos para asistir ás vítimas.

Os seus obxectivos son aglutinar ás institucións que interveñen na protección e seguridade das vítimas de violencia de xénero, integrar nunha base de datos toda a información sobre as circunstancias que as rodean, realizar valoracións do risco de sufrir unha agresión e adoptar as medidas de protección necesarias, e implantar un sistema de avisos, alertas e alarmas que permita reaccionar de forma rápida e eficaz.

Ademais dos axentes das policías locais dos *concellos galegos que solicitaron a súa incorporación ao sistema de seguimento integral, ás xornadas tamén está previsto que asistan membros da Garda Civil, Policía Nacional, Institucións Penais e Unidade Adscrita ao Corpo Nacional de Policía.

 

 

 

 



 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript