• Número 378
  • 22 de xaneiro de 2018

Opinión -Sara Outeiral

Romper barreiras, “feminismo revolucionario?”

Un feminismo activo e rupturista debe expor obxectivos de clase

“Atarefadas en facer feminismo, as mulleres feministas non se preocuparon demasiado en definilo”. Vitoria Sau no seu libro Dicionario Ideolóxico feminista.

O feminismo xorde formalmente a finais do século XVIII como movemento social e político onde as mulleres empezan a tomar conciencia como colectivo maltratado, oprimido por unha sociedade de homes. Baixo as regras do patriarcado que as domina, empezan a empoderarse buscando a liberación do seu sexo cos cambios necesarios para dobregar a súa condición.

Na actualidade, creo que necesitamos dunha análise máis concreta do que supón e é o feminismo, dos pasos a diante, das trampas que nós mesmas nos impomos, das contradicións, das reparticións de “carné” de feminista, da súa instrumentalización e prexuízos. Conseguir falar dun “feminismo revolucionario”.

Con este artigo non pretendo ser demasiado crítica connosco, senón, humildemente, expor que debemos ir máis aló e abrir o debate. O feminismo ten que tentar romper as barreiras ás que nos adoitamos, cuestionando todas as súas particularidades. Debemos actuar como colectivo e conseguir transcender ou buscar a liberación individual? Simone de Beauvoir, acertada desde o meu punto de vista, dicía que “o feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente”.

Desde principios de século asistimos a un avance espectacular do movemento feminista, tras manifestacións multitudinarias como a do 7N no 2015, o movemento “Me Too”, “Galicia en Negro” ou o diálogo de centos de mulleres e a colaboración de numerosos colectivos feministas de todo o Estado para a organización da folga estatal e manifestación deste 8 de marzo. Lembrar que: “Se nós paramos, para o mundo!”. Desde logo temos que estar orgullosas do traballo que estamos a levar a cabo e facer memoria dos logros das compañeiras no pasado. Pero, chegou o momento de buscar outro tipo de formatos para nos visibilizar? Que percorrido teñen estas accións?

Este auxe das reivindicacións feministas e a súa exposición nas rúas foi desprezado coa súa banalización, en moitas ocasións, tachándoo de moda. O positivo é que desta forma o feminismo achégase a mulleres e tamén a homes que, por culpa do adoutrinamento da sociedade, non se rebelaban por falta de coñecemento e conciencia co movemento. Por outra banda, existe o perigo de que a argumentación se converta en que somos feministas porque está de moda, desta maneira poida que non chegue a mensaxe real. Están a matarnos, isto é serio. Sen esquecernos de todas as formas que pode adoptar a violencia de xénero á que as mulleres nos temos que enfrontar diariamente: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia patrimonial, violencia social e violencia vicaria.

Este “feminismo revolucionario” ao que quero chegar debe cuestionar todos os aspectos da tradición feminista que o sistema incorporou pola presión cara os medios de comunicación ou por mero paternalismo. Así, algunhas vitorias poden parecer conquistas como o “Pacto de Estado” aprobado este 2017 do cal a día de hoxe, como sabedes, non se levou a cabo ningunha das súas medidas. É unha forma de instrumentalizar o feminismo, que representante institucional vai dicir claramente, non quero mellorar as vosas vidas?

Pero aínda así, atopámonos nun país onde a desigualdade salarial entre sexos está á orde do día. Poderiamos penetrarnos na relación do patriarcado co capital, para facerlle fronte a un directamente tes que acabar co outro, son dúas cabezas do mesmo monstro.

Un feminismo activo e rupturista debe expor obxectivos de clase, valoralo desde todas as súas perspectivas sendo conscientes das diferentes clases sociais. Respecto diso, Aleksandra Kollontai explicaba que "as feministas burguesas están a loitar para conseguir dereitos políticos; tamén aquí os nosos camiños se separan: para as mulleres burguesas, os dereitos políticos son simplemente un medio para conseguir os seus obxectivos máis comodamente e máis seguramente neste mundo baseado na explotación dos traballadores. Para as mulleres obreiras, os dereitos políticos son un paso no camiño empedrado e difícil que leva ao desexado reino do traballo".

En conclusión, desde a preocupación polo estancamento das accións feministas, se realmente non conseguimos saír deste marco, que nos impuxeron e que nos impuxemos, poida que a igualdade siga sendo unha utopía. Sen autocrítica colectiva non hai evolución. Con sororiedade temos que aspirar ao cento por cento, trasladar o feminismo a todos os alicerces dos que está constituído o sistema e cambialo, coa axuda da educación e a transversalidade. Non é un traballo fácil pero cada vez somos máis, estamos a organizarnos e non temos medo.

Continuemos coa loita, rebélate!

Texto: Sara Outeiral

Mudar a realidade cunha visión moza, feminista e baseada na participación cidadá. Membro do Consello dás Mareas. Secretaria de Institucional de Espiral_MRG.

O Salto