• Número 378
  • 22 de xaneiro de 2018

Persoal interino

O Supremo admite o recurso dunha asociación de interinos contra a oferta de emprego público

Moitos dos interinos levan neses postos máis de tres anos, o que leva un recoñecemento de dereitos laborais negado ata agora por administración e sindicatos

O Tribunal Supremo (TS) admitiu o recurso da Asociación Nacional de Interinos e Laborais (ANIL), que representa a 3.000 traballadores, contra o acordo do Goberno central e os sindicatos UXT, CCOO e CSIF no que aprobaron a Oferta Pública de Emprego (OPE) 2017.

O avogado e presidente de ANIL, Manuel Martos García de Veas, explicou a Efe que o Supremo admitiu a causa na que a asociación aglutina a denuncia de máis de 3.000 interinos de todo o país contra o pacto subscrito en marzo do ano pasado para a inclusión na OPE das prazas desempeñadas por interinos.

Este paso do tribunal permitirá ao colectivo pedir a paralización da OPE e as convocatorias ligadas á súa aprobación, xa que non terían en conta a xuízo de ANIL que moitos dos interinos levan neses postos máis de tres anos, o que leva un recoñecemento de dereitos laborais negado ata agora por administración e sindicatos.

Esta asociación denunciou ante a Comisión Europea os "graves incumprimentos" en materia dunha trasposición que afectaría a 700.000 persoas que ven perigar o seu posto de traballo sen o recoñecemento de dereitos.

Entre os máis de 3.000 interinos que impulsan a demanda hai profesionais do Servizo Andaluz de Saúde (SAS) e dos de Canarias, Estremadura, Galicia e Madrid, persoal de Educación de Castela e León, Valencia, Andalucía ou Murcia e de concellos como os de Zaragoza, Madrid, Cádiz, Sevilla, Málaga, Valencia ou Elxe.

Sumáronse ademais interinos dos ministerios de Defensa, Xustiza e persoal do Fogasa, bombeiros de Estremadura e Andalucía e traballadores de diferentes deputacións e empresas públicas de todo o país.

Segundo explica, a actual situación é produto do "acordo de estabilidade" asinado entre os sindicatos e o Ministerio de Facenda para convocar ata 2020 unhas 350.000 prazas de funcionarios a través de diferentes OPE, o que se trasladou ao artigo 19 da Lei de Orzamentos do Estado para 2017.

Esas prazas están cubertas na actualidade por traballadores interinos que non puideron regularizar a súa situación polos recortes dos últimos anos e que, segundo o acordo, só puntuarán polos seus anos de experiencia nunha segunda fase de concurso.

Segundo García de Veas, se a denuncia prospera o Goberno estaría obrigado a dotar de emprego indefinido non fixo a todo o persoal lonxevo e pagar 4.200.000.000 euros en indemnizacións que ata agora negou.

El Mundo

Puxémonos en contacto coa Asociación para coñecer os fundamentos da demanda, cando teñamos resposta transmitirémosvola.