• Número 378
  • 22 de xaneiro de 2018

Represión

Compostela amordazada

As multas máis numerosas baséanse na resistencia e desobediencia á autoridade

Cos votos a favor da gobernante Compostela Aberta, o Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE, no Pleno do 7 de setembro do ano 2015 do Concello de Santiago, é aprobada unha moción, presentada polo grupo socialista, que reclama a retirada da chamada Lei Mordaza. Deste xeito, a capital de Galiza é unha das cidades libres de mordaza segundo a páxina web nosomosdelito.net. Mais como a administración local non ten competencias nesa materia, en xuño de 2017 e na mesma cidade, unhas 115 persoas foron identificadas pola policía durante unha manifestación e posteriormente multadas en aplicación da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá de 2015, máis coñecida como Lei Mordaza.

No serán do 10 de xuño de 2017, durante unha manifestación multitudinaria e festiva un grupo de persoas ocupa o patio do antigo Colexio Peleteiro, neses momentos —e aínda agora— un edificio propiedade da SAREB (o Banco Malo). A euforia das manifestantes é total e un grupo moi numeroso de persoas decide sumarse á ocupación. Ás portas do edificio, o resto das persoas manifestantes permanecen en actitude festiva e, ante o avance das forzas policiais de antidisturbios, algunhas deciden iniciar unha sentada. Pasados uns minutos comezan as cargas policiais que rematan horas máis tarde co desaloxo das persoas que permanecían no patio do antigo colexio. “Entran moi violentamente, lanzando pelotas de goma e tirando botes de fume. Un destes caeu entre nós, menos mal que unha persoa foi quen de darlle unha patada.” Comenta Iago, actualmente activista da asemblea de multadas que, neses momentos, se achaba no patio. “Con todo ese fume créase unha situación un pouco de pánico, porque ficas completamente rodeado polo fume, non ves nada e non sabes que vai pasar”, continúa. “Unha vez que se vai o fume vémonos completamente rodeados de policía, fechan a porta do patio deixando unha pequena abertura e dinnos que saiamos de un en un para sermos identificadas ou que nos desaloxan á forza. Nós en todo momento lles transmitimos que a nosa actitude en ningún caso ía ser de resistencia activa, mais que queriamos saír todas xuntas. Finalmente bótannos a porrazos e incluso a puñazos”. O resultado final é que todas as persoas que están dentro son identificadas e dúas son detidas e posteriormente postas en liberdade con cargos —finalmente as causas contra as únicas dúas persoas detidas ese día serán arquivadas—.

Uns meses despois comezan a chegar as multas. “Temos constancia dunhas 115 persoas multadas, aínda que son 119 multas xa que algunhas persoas teñen máis de unha. Unha decena delas son de 200 euros —por portar supostos escudos, realmente son as típicas piruletas, pancartas pequenas cun pau— e o resto de 800 euros —por desobediencia, lanzar cánticos contra o labor policial e perturbar o normal devir da manifestación— e digamos que son unha especie de multas tipo xa que se acusa a todo o mundo que recibe a mesma multa de estar facendo exactamente o mesmo á mesma hora”, continúa Iago.

Identificacións

Marta e Alicia son dúas traballadoras da sanidade que foron identificadas na tarde do 10 de xuño unha hora antes do comezo da manifestación. “Paráronnos como doce policías de paisano. Pedíronnos a identificación porque levabamos bandeiras”, comenta Marta. “A verdade é que, a raíz dos incidentes despois da primeira manifestación polo desaloxo de Escarnio e Maldizer, decidimos levar material de primeiros auxilios, sobre todo por se había contusións, policontusións ou brechas na cabeza por causa dos porrazos”, apunta Alicia. “Pedíronnos que lles ensinásemos o interior das mochilas e viron o material de primeiros auxilios”, di Marta. “Todo o material que levabamos podíase conseguir nunha farmacia, era todo material legal e non levabamos medicamentos, só gasas, esparadrapos e cousas así”, continúa Alicia.

As imaxes da detención dun manifestante en estado de inconsciencia após ter recibido un porrazo —probabelmente na cabeza— na praza de Cervantes, rexistradas na altura por Galiza Contrainfo, axudaron a tomar este tipo de decisións. “Somos persoal sanitario e temos obriga de asistencia”, afirma Marta. A xente ferida en manifestacións moitas veces ten medo a asistir ao hospital por temor a ser identificada e posteriormente ser denunciada pola policía, práctica bastante habitual. “É tremendo que a xente teña medo á súa asistencia médica por medo ás represalias. A policía en cambio sempre usa os seus partes de lesións no seu beneficio propagandístico”, continúa. Finalmente “leváronnos as mochilas e todo o material sanitario e non nos deron nada, ningún resgardo”, di contundente Alicia. “Iso si, fixeron fotos a todo”, puntualiza Marta. “Tampouco se identificaron como policías cando nos pararon”, conclúe Alicia.

A Marta e Alicia páranas e identifícanas na praza Feixoo, en pleno centro da zona vella de Santiago, unha hora antes do comezo da manifestación.  Porén, na multa que lles chega “pon unha hora totalmente distinta, di que proferíamos cánticos contra a policía, que berrábamos 10, 100, 1000 centros sociais e que levábamos material perigoso, é a multa standard dos 200 euros”, rise Marta. O lugar no que aparece que son identificadas é o real, mais por alí non pasou ningunha manifestación ese día. “No relato policial que vén na miña denuncia pon que estaba dentro do colexio e nunca estiven”, continúa. “Hai tantos erros e incoherencias nas nosas multas que, aínda que sexa difícil gañar, recorremos”.

A lei e as multas

Todas as multas que chegaron son de dous tipos: as máis numerosas baséanse na resistencia e desobediencia á autoridade (artigo 36.6 da Lei de Seguridade Cidadá) van acompañadas de tres actas de denuncia baseadas nese artigo e noutros dous, e son todas exactamente iguais; as menos numerosas, menos dunha decena, baseanse no artigo 37.2 que implica portar obxectos con ánimo intimidatorio.

Susú, a avogada que está a asesorar xudicialmente a moitas das persoas multadas, comenta: “As multas que chegaron neste caso son todas iguais entre si e están asinadas polos mesmos axentes policiais. Isto implica que as 115 persoas foron identificadas polos mesmos axentes, cousa imposíbel”. Todo isto acontece porque a actual Lei de Seguridade cidadá lles outorga ás forzas policiais un poder ainda maior do que sempre contaron. “A Lei Mordaza causa unha grave desigualdade entre as partes e unha grande indefensión ás persoas denunciadas administrativamente. A palabra dos axentes da autoridade ten unha presunción de veracidade —enténdese como verdade a non ser que se presente unha prova convincente en sentido contrário— o que supón que nos casos en que non haxa testemuñas sexa moito máis difícil de probar a inocencia”, continúa a letrada. “Neste caso, ademáis, as posíbeis testemuñas están todas sancionadas”, puntualiza.

Outro dos puntos polémicos da Lei de Seguridade Cidadá aprobada no 2015, é a posibilidade de poder pagar a metade da sanción de se realizar o pagamento nos primeiros quince días despois de recibir a notificación, ao estilo do que vén sucedendo nas multas por infraccións de tráfico. “A posibilidade de pronto pago nace co obxectivo da recadación automática de diñeiro sen máis historias... Non hai máis probas que unha acta de denuncia, sen testemuñas, sen mais nada. Lembra que apenas se pode acceder ao pronto pago nos primeiros días tras a chegada da sanción”, afirma a avogada. “Se ben permite que algunhas poidamos aboar a metade da multa, entendo que moitas veces contribúe a que as inxustizas se perpetúen: pouca xente se ve con ánimos de recorrer se pensa que o máis provábel é que, ao final do procedemento administrativo, vai ter que pagar a sanción completa”, conclúe.

Existen enormes dificultades á hora de recorrer este tipo de sancions, mais para Susú “a maior dificultade é o enfrontamento á Administración, pois ela mesma é xuíza e parte. Nas outras vías —como por exemplo a penal— a parte denunciada ou demandada é a parte que contesta, a que fala en último lugar, a que ten o dereito á última palabra, o que supón unha grande vantaxe procesual. Na vía administrativa, a denunciada é a que recorre, a que ten que falar en primeiro lugar… E isto muda moito o conto”.

A asemblea de multadas

Moitas das persoas que foron recibindo as multas decidiron organizarse en asemblea. “Convocamos unha reunión no Centro Social A Gentalha do Pichel e éramos tantas persoas, e tan diversas que decidimos crear unha asemblea autónoma de multadas”. Iago é agora un activista desa asemblea e ten claro que “a idea fundamental da asemblea foi conseguir fondos para que as multas non supuxesen un prexuízo para a xente con dificultades económicas, o Estado pretende que só poidan protestar os ricos”. Entre as persoas multadas hai xente de todo tipo, “de distintos centros sociais, partidos políticos, veciñas e xente doutras partes do País”. “Até o de agora organizáronse concertos e actividades en moitos lugares da Galiza para sacar cartos, a idea é tentar recuperar todo o diñeiro que se tivo que adiantar para que o activismo non teña demasiadas consecuencias nas nosas vidas”, afirma, “por iso imos continuar existindo”.

A morosidade da Caixa Galicia

O antigo Colexio Peleteiro está situado en pleno centro de Santiago de Compostela, ocupa unha parcela de 5.000 metros cadrados, e a comezos de 2007 o xornal El Correo Gallego anunciaba a súa compra por parte de Caixa Galicia. Segundo afirmaba este xornal na mesma nova, o compromiso da caixa de aforros era derrubar o edificio en dous anos. Dez anos despois o edificio segue estando en pé, durante uns anos as súas instalacións foron ocupadas temporalmente pola Policía Nacional –mentres se acometían melloras na comisaría de Rodrigo de Padrón– e xa non é propiedade de Caixa Galicia –que xa non existe– senón da SAREB (o popularmente coñecido como banco malo). Ademais de todo isto, O Salto Galiza puido confirmar que a familia Peleteiro –antigos propietarios da parcela– está aínda en preitos co que agora é Abanca, xa que a antiga corporación Caixa Galicia non chegou a pagar nunca a totalidade do prezo acordado pola venda destes terreos.

O Salto