• Número 378
  • 22 de xaneiro de 2018

Universidade

Concurso de méritos. Contencioso administrativo

Contra un concurso de méritos discriminatorio non vale non facer nada

A principios de ano, seguindo as instrucións do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Coruña, a Universidade procede ao emprazamento en calidade de Codemandados aos sindicatos, agrupación electoral e ao presidente da Xunta de Persoal na demanda interposta contra a Universidade para que o concurso de méritos contemple todas as vacantes. Na comunicación sinalábase un prazo de nove días contados a partir do día seguinte ao da recepción da comunicación para, de se estimar oportuno, comparecer e presentarse no Xulgado como parte demandada no dito procedemento.

Con esta actuación o xuíz intenta establecer o criterio de todas as partes que asinamos os acordos nos que se reflectían tanto o concurso como as promocións e constatar se ese criterio coincide coa demanda interposta por CCOO e APA.

Este procedemento non ten ningún custo para os sindicatos salvo certo traballo para as correspondentes asesorías xurídicas e a presenza d@ avogad@ na vista na data que sinale o xuíz.

Ao peche da edición do PASquín non temos constancia de que algún dos sindicatos emprazados respostase positivamente. De constatarse esta incomparecencia sería, ao noso parecer, unha grave irresponsabilidade pois significaría que o resto de sindicatos, unha vez máis, se desentenden do resultado dunha actuación institucional que afecta gravemente aos intereses das traballadoras e traballadores ao discriminar, neste caso, a todas as persoas do Servizo de Informática e Comunicacións ás que se lles impide a participación no concurso de méritos convocado.

Seguiremos informando.