• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Sindicato Labrego Galego

A telematización dos procedementos administrativos discrimina a cidadanía do rural en Galiza

A telematización está a crear un serio problema que converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda

O 2 de outubro de 2015, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba unha Lei de Procedemento Administrativo que obrigaba a telematizar o traballo das administracións e que entraría en vigor un ano despois, en outubro de 2016. É dicir, que dende hai un ano, as entidades asociativas e persoas xurídicas deben relacionarse obrigatoriamente coa Administración por vía telemática, proceso que tamén se está dando cada vez con máis forza coas persoas físicas.

Na Galiza, isto está a crear un serio problema que converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda en comparación coa xente que vive nos grandes núcleos urbanos, xa que a posibilidade de relacionarse telematicamente coa Administración é moi desigual dependendo de onde residas. Nun país coma o noso, onde a cobertura de Internet e telefonía deixa moito que desexar nas zonas rurais, onde a poboación do campo está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles ou ordenadores -realidade extensible aos labregos e ás labregas-; telematizar os procedementos administrativos condena a unha parte moi importante da poboación a renunciar a relacionarse coa Xunta ou coa Seguridade Social, por poñer dous exemplos, e a ter que contratar os servizos dunha xestoría privada para poder facelo.

Por se non abondase, as persoas que si poden realizar os trámites administrativos por vía telemática, atópanse con que as plataformas tecnolóxicas das que dispón a Xunta de Galicia, por exemplo, son obsoletas e deficientes, fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes só atribuíbles ao mal funcionamento dos programas informáticos. O peor de todo é que cando isto acontece, que é día si e día tamén, non hai persoal funcionario formado para solucionar este tipo de problemas, polo que resulta moi difícil, cando non imposible, resolvelos.

Dende o Sindicato Labrego Galego, denunciamos que as relacións da Xunta de Galicia cos seus administrados e administradas sufriron un grave deterioro no último ano por todo o devandito no que supón un claro avance no proceso de desmantelamento xeneralizado de servizos públicos que estamos a sufrir. Desta maneira, miles de cidadáns e cidadás poden e están a perder servizos e dereitos por non poder acceder a eles por vía telemática na Galiza.

As solucións dependen só da vontade da propia Xunta

Diante desta situación, esiximos que a Xunta comece a traballar seriamente na modernización e simplificación das ferramentas informáticas que ten para realizar xestións administrativas, que forme persoal funcionario para capacitalo na resolución dos problemas que xorden diariamente neste tipo de procesos, e que invista realmente no rural -non a través de campañas publicitarias- en aspectos como a universalización das telecomunicacións en todo o territorio.

A maiores destas melloras, a Xunta está obrigada a garantir os dereitos daquelas persoas que, por idade, formación, lugar de residencia ou calquera outra causa, non pode realizar xestións administrativas por vía telemática. E para iso debe garantir que, máis alá da obrigatoriedade de telematizar todos os procedementos administrativos, esas persoas poidan facer calquera trámite directamente con persoal funcionario. No eido agrario téñeno doado: dotar de recursos materiais e humanos suficientes as oficinas agrarias comarcais para que os labregos e labregas que o precisen, especialmente os de idade máis avanzada, poidan realizar alí calquera xestión ou trámite directamente sen ter que recorrer a unha xestoría privada, tal e como acontece de maneira xeneralizada hoxe en día.