• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

CUT - Consellería de Política Social

Política Social. Servizo, saúde, dereitos

Loitamos polos seervizos públicos

A transformación da débeda privada (sobre todo da banca) en débeda pública que financiamos entre tod@s e as políticas de recortes que se impuxeron nos servizos públicos para pagar esa débeda, afectaron, e afectan, a toda a administración pública pero, na administración autonómica, nomeadamente aos centros e servizos dependentes da Consellería de Política Social.

Por un lado o ratio traballador-paciente (moit@s con enfermidades como alzheimer ou mobilidade reducida cando non nula), multiplicouse e, en casos como o do centro de Oleiros, na quenda de tarde é de 3 auxiliares para 44 ingresad@s mentres que na quenda de noite é de 1 auxiliar para 44 pacientes. Os recortes abranguen tamén ao material imprescindible para facilitar a mobilidade das persoas ingresadas nos centros como guindastres..., así como cueiros, cremas... Todas estas circunstancias comprometen profundamente, tanto a cantidade como a calidade da atención que reciben as persoas ingresadas.

Por outra banda, desde que no ano 2012, o goberno da Xunta con Feijoo como presidente, no paquete de medidas temporais en determinadas materias de emprego público, decidiu deixar sen efecto o artigo 19 do V Convenio Colectivo do persoal laboral, que regula quendas e descansos, @s trabllador@s dos centros dependentes da Consellería de Política Social, denunciamos os recortes de persoal que se produciron e o sobre esforzo físico e psicolóxico que esta circunstancia provoca.

Estrés, lesións musculares, depresión, hernias... son a causa das múltiples enfermidades e accidentes laborais que esta situación provoca ao priorizar @s traballador@s o benestar das persoas ingresadas á súa propia saúde e á presión que sistematicamente se exerce por parte da dirección dos centros para que “con menos se faga máis”. Desapareceron @s traballador@s  que cubrían os períodos de libranzas e os traballos realízanse con menos persoal.

Nesta situación na que a política da Consellería pon en cuestión a saúde d@s traballador@s ao seu servizo, dereitos que outros colectivos da Xunta de Galiza teñen recoñecidos como a compensación con descanso do tempo traballado en domingos e festivos, desaparece, acumulándose quendas interminables que, aos efectos xa sinalados no que respecta á saúde, únese a imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar.

A sobre explotación d@s traballador@s reflíctese nas carteleiras que establecen esas quendas interminables que minan a saúde tanto física como psicolóxica d@s traballador@s dos centros dependentes da Consellería de Política Social.

Atopámonos, polo tanto, diante dunhas medidas que adoptadas no ano 2012, e anunciadas como excepcionais e temporais, mantéñense dun xeito indefinido afectando tanto á saúde, benestar e calidade de vida das persoas ingresadas como ás condicións de traballo, de saúde laboral e dereitos sociais  d@s traballador@s dos centros dependentes da Consellería. Os intereses das persoas ingresadas e d@s traballador@s entrelázanse na defensa dun servizo de calidade.

Despois de cinco anos de vixencia das medidas que denunciamos non fomos capaces de cambiar a situación restituíndo tanto o número de traballador@s como os dereitos dos que gozabamos. Pouco a pouco fomos caendo na desmobilización e esa circunstancia da azos aos recortes e á presión que a Consellería e a dirección dos centros exercen sobre @s traballador@s.

Para nós, a situación non se presta a interpretacións ou alternativas. Se de verdade queremos reverter a situación, defendendo os nosos dereitos e os das persoas ingresadas só nos queda un camiño, o da mobilización. Na CUT, do xeito máis unitario posible, ímolo percorrer.