• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Xunta de Galiza - Orzamentos

Aprobados os Orzamentos de 2018

O PP pasou o rodillo

Co mantra da “consolidación da recuperación” como xustificación para a aprobación dos orzamentos do ano 2018, o día 19 o PP pasou, de novo o rodillo parlamentario para impoñer uns orzamentos que, como os que aprobou até agora, son restritivos no social e dirixidos, como os anteriores ao desmantelamento do público.

Os grupos da oposición, que presentaron 1.300 emendas rexeitadas todas elas polo PP, requiriron o incremento de partidas para a loita integral contra a violencia de xénero, denunciaron  que os orzamentos afondan na privatización da sanidade. No referente á educación denunciaron que mentres se desmantela o ensino público os cartos van para a concertada. A prevención de incendios, a defensa do territorio, compromiso co sector lácteo, seguridade marítima, compromiso coa pesca artesanal, foron algúns dos eixos sobre os que incidiu unha oposición que, polo número de representantes, non ten capacidade para incidir nas decisións da Cámara.

Unha vez máis os sindicatos fixeron gala da falta de unidade convocando por separado concentracións ás portas do Parlamento. É difícil de entender que a loita unitaria que se desenvolve nas plataformas en defensa do público non se concrete en convocatorias tamén unitarias cando se aproban as medidas que despois incidirán directamente un sentido contrario do que se reclama desde esas plataformas.