• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Universidade

Aprobados os Orzamentos e o Plano Operativo Anual 2018

O PAS, como ocorre nestes casos, foi o único colectivo que puxo en cuestión os Orzamentos

Esta semana pasada realizáronse as reunións da Comisión de AA.EE. delegada do Consello de Goberno, o día 19, posteriormente, o día 20, reunión do Consello de Goberno e o día 21 reunión do Consello Social. Todas estas reunións tiñan como principal obxectivo a aprobación dos Orzamentos de 2018 e do Plano Operativo Anual.

Temos que sinalar que, unha boa parte da representación do PAS, non puidemos participar na reunión do Claustro por coincidir coa vista do recurso que interpuxemos para que se incluisen as vacantes do Servizo de Informática e Comunicacións na convocatoria do concurso de traslados.

Como os criterios defendidos pola representación do PAS foron  os mesmos en todas as reunións imos resumir tanto a valoración que dos orzamentos e o POA fixemos como representantes do PAS así como as repostas recibidas da parte institucional.

Temos que salientar que o orzamento presentado non contempla a posible subida salarial, porque aínda está por determinar nos Orzamentos Xerais do Estado aos que a Xunta remite para incrementar na mesma medida que neles se sinale o salario dos seus traballadores e traballadoras.

Con respecto aos orzamentos sinalamos:

Desaparece do capítulo I a partida de Incentivos á Xubilación Voluntaria do Profesorado, pasando ao capítulo IV. Con esta partida habilitábase un fondo que cubría o 100% do salario desde os 60 anos até os 70 anos para primar a xubilación voluntaria do persoal docente. Lembramos que esta partida, denunciada polo PAS como ilegal estaba dotada, no ano 2013, con 1.136.952€. Diante da ilegalidade que supoñía a universidade optou por non habilitar máis fondos na partida pero recoñeceu o dereito do PDI que xa tiña concedido o incentivo. Co decurso do tempo observamos que ao ir cumprindo o persoal docente que tiña concedido o incentivo os 70 anos a partida diminuía nuns 100.000€ anuais:

Denominación

2013

2014

2015

2016

2017

2018

2018-2017

%

INCENT.XUBILACIÓN VOLUNTARIA

1.136.952,00  

1.070.414,00  

934.126,32  

776.600,00  

620.132,78  

513.000,00  

- 107.132,78  

-  20,88  

Como se observa recuperouse, no capítulo I, durante estes anos, máis da metade do crédito inicial da partida. Ao remitirse os 513.000€ ao capítulo IV este diñeiro desaparece do capítulo I polo tanto nunca poderá ser empregado ben en salario, promocións ou mesmo na partida de acción social.

Mostrámonos contrarios á modificación de capítulo desta partida.

Pola parte institucional xustificouse esta circunstancia pola nova regulamentación orzamentaria e porque, deste xeito libérase, masa salarial para non chegar ao tope imposto pola Xunta.

Por outra parte, nun marco de crecemento, produto do recurso interposto pola universidade que a representación do PAS apoiou, e que derivou, no tempo nun importante incremento orzamentario, a evolución do capítulo I foi:

Denominación

2013

2014

2015

2016

2017

2018

2018-2017

%

GASTOS DE PERSOAL

87.676.709,58

83.871.898,07

85.391.717,67

88.383.430,83

90.292.674,48

92.200.902,31

1.908.227,83

2,07

A partida orzamentaria de acción social está conxelada, desde o ano 2015.

No ano 2013, na reunión entre a universidade e a Mesa Sindical, na que participamos PDI e PAS, acordou reclamar que nos orzamentos se contemplase, na partida de acción social, a mesma cantidade que no ano 2013 no camiño de conseguir o 1,5% da masa salarial. Posteriormente, no ano 2014, APA e CUT presentamos un documento de mínimos que seguimos a defender.

A conxelación desta partida ten como consecuencia a diminución respecto de 2013 da acción social que goza o PAS e, no caso do persoal que opta polo seguro médico no copago correspondente.

Plano Operativo Anual (POA). No POA reflíctense os proxectos, obxectivos... que para a institución son prioritarios realizar no ano e sinálase a súa dotación económica.

A este respecto destacamos a falta dunha referencia ao persoal que consideramos un patrimonio que debería ser esencial para a institución, resaltando a ausencia de referencias de políticas respecto tanto da súa estabilización como de promoción...

A representación do PAS, desde o ano 2013, posicionouse nas votacións votando en contra ou absténdose. Nesta ocasión o voto efectuouse do mesmo xeito: na Comisión delegada de AA.EE., un voto en contra e unha abstención. No Claustro, unha abstención (como xa sinalamos non estabamos toda a representación) e no Consello Social, o único representante, votou en contra. Nin que decir ten que, a pesar da oposición do PAS, os Orzamentos e o POA aprobáronse por amplisima maioría en todos os órganos de representación.