• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Opinión - Manuel Cañada

Sete teses de urxencia sobre a renda básica

A columna norte das Marchas da Dignidade entran en Madrid o 22 de marzo de 2014

Ata hai moi pouco tempo aparecía como unha idea exótica, unha fantasía propia de inxenuos militantes e dun puñado de economistas utópicos. Pero a crise civilizatoria que atravesamos terminou por pola na orde do día. Chegou a hora dun novo dereito fundamental que corresponde a todos os seres humanos, “un dereito universal e incondicional de todos os cidadáns, como o son xa o dereito á educación ou á saúde ou, no ámbito político, o dereito ao sufraxio universal” (Víctor Ríos). Chegou a hora da renda básica. 

A idea sitúase no cruzamento de camiños do noso tempo, no centro das pugnas sociais, ideolóxicas, políticas e culturais. A súa potencia emana xustamente de aí, da súa íntima vinculación coas necesidades e o espírito da nosa época, do seu nexo coa transición sistémica en curso. E, por iso mesmo, saqueadores de fino olfacto estratéxico como o Foro de Davos ou o FMI, puxéronse ao choio na usurpación e xibarización do concepto. As espadas están no alto, a loita acaba de empezar. En apertada síntese, estes son, na miña opinión, algúns dos nós primordiais da contenda.

1. Renda básica non é o título dun libro, senón o nome dunha machada de guerra. A renda básica é loita de clases 

Hai que quitar os letreiros de “reservado o dereito de admisión”. A renda básica non pode seguir sendo un xoguete académico nin tampouco unha rareza de guetos militantes. O lugar preferente dos debates non é xa a universidade ou o local activista, senón a oficina de emprego, as barriadas sociais ou as redes xuvenís do precariado. O expertismo e as linguaxes de xerga escorrentan máis que atraen. Non fai falta licenciatura nin trienios de compromiso político para entender o catro características consustanciais á renda básica: universal, incondicional, individual e suficiente.

Ata agora, a renda básica serviu para interpretar as contradicións do turbocapitalismo; do que se trata é de transformalo.

2. Paro, pobreza e precariedade. Renda básica contra a normalización do crime social

“Petra Parello, traballadora autónoma ata que quedou no paro no ano 2011, padece unha enfermidade crónica, osteoporose. Cando deixe de cobrar a renda mínima de inserción, 420 euros, non terá para pagar o corenta por cento dos seus medicamentos, polo tanto verase abocada a parar o tratamento. É beneficiaria dun programa de alimentos. Cando entrou a Radiotelevisión Española a exercer a protesta, carecía de ingresos. E é un crime” (Alegación final do avogado Endika Zulueta no xuízo da renda básica a 19 militantes dos Campamentos Dignidade).

Paro, pobreza e precariedade entrelázanse, condénsanse, co seu regueiro de dor e marxinación. No noso país 13 millóns de persoas —case o 28% da poboación— atópase en risco de pobreza, dous millóns vense obrigadas a recorrer aos bancos de alimentos e seis millóns, a pesar de traballar, non alcanzan en cómputo anual, ingresos superiores ao salario mínimo. A máquina trituradora do poder aplícase a producir, minuciosamente, exclusión social, a normalizar o atropelo. En 2010, o 80% dos parados tiñan algún tipo de cobertura, en 2017, o seu número non alcanza sequera o 56%; cada día consúmanse 166 desafiuzamentos de vivenda; cada día prodúcense 10 suicidios. É a contabilidade do austericidio, a trastenda da “recuperación económica”, o helio de angustia que eleva o sempre renovado globo da acumulación de capital.

A precariedade constitúese en paisaxe, no traballo e en todos os ámbitos da vida cotiá. A incerteza eríxese en lei e o medo ao futuro naturalízase. Richard Sennett falou de “a corrosión do carácter”, Bauman das “vidas desperdiciadas”, Laval e Dardot chamáronlle “erosión da personalidade”. Son tentativas de descrición do fondo malestar, do sentimento de cerco.

A renda básica é unha necesidade para facer fronte á banalidade do mal contemporáneo: á violencia do paro forzoso, á coacción muda da miseria, ao réxime da precariedade e da inseguridade permanente.

3. A renda básica, un freo de emerxencia para deter o muíño neoliberal

Vivimos un cambio de época. O quecemento global, a robotización da economía ou a crise do emprego, son algunhas dos sinais. E no temón da crise, para non variar, o capital financeiro e a ideoloxía neoliberal.
O neoliberalismo é moito máis que un conxunto de receitas económicas. Converteuse en forma de vida, en sentido común de masas. Como un orballo empapou as conciencias, moendo dereitos e comunidades, á vez que instauraba a competencia como novo principio universal, como mecanismo regulador das relacións sociais. Desaparecen as categorías rico ou pobre e o seu lugar ocúpano as palabras triunfador ou perdedor. Convertémonos en empresarios de nós mesmos, en peóns sen tregua da sociedade do cansazo. Pero na súa fuga cara a adiante, o neoliberalismo vai axigantando a crise. Cada vez necesita máis autoritarismo e máis manipulación. Máis clientelismo, máis nacionalismo, máis pos-verdade, máis rancor social contra os de abaixo, máis populismo punitivo.

Estamos obrigados a pór en pé ideas que permitan a transición cara a outro modelo de sociedade. Fronte ao cambio climático, a ditadura financeira e o paro estrutural, imponse medidas que vaian á raíz do desafío, tales como a redución drástica da xornada de traballo, as políticas de decrecemento e contra a obsolescencia programada, ou a renda básica. Ou conseguimos que se abran paso eses camiños de sobriedade e solidariedade ou avanzará a barbarie, a guerra entre os pobres, as novas formas de fascismo.

4. As rendas mínimas son a economía da miseria, a renda básica é a economía da dignidade

Pero, como nos lembra Ferrajoli, “na historia do home, non houbo ningún dereito fundamental que descendese do ceo ou nado nunha mesa de despacho, xa escrito e redactado nos textos constitucionais”. A posibilidade da renda básica emancipatoria enfróntase neste momento a tres principais resistencias combinadas de variadas formas que, simplificando, podemos identificar como o asistencialismo, o laboralismo e “a renda básica liberal”, vestida coas roupaxes do universalismo abstracto.

As rendas mínimas de inserción son o dispositivo primordial do asistencialismo. Nos últimos anos, á vez que a renda básica se popularizaba e gañaba lexitimidade social, proliferaron as rendas mínimas de inserción, engalanadas con nomes a cal máis pretencioso (renda garantida, renda básica de inserción, ingreso de solidariedade, renda de inclusión…). Promocionadas na maioría dos casos desde o poder como un exercicio de contención do conflito, constitúen precisamente a antítese da renda básica. Son rendas que perseguen controlar aos pobres e estigmatizar a pobreza, renovando o muro de división no seo das clases populares. “Un colectivo disfuncional e excluído no máis baixo e logo o feliz resto de todos nós”, escribía Owen Jones referíndose de modo irónico á demonización da clase obreira en Inglaterra e a entronización do concepto de exclusión social. Pero, a pesar da aparencia, a selva das rendas mínimas está moi ben organizada, e responde cabalmente ás necesidades da política neoliberal. O suplicio na tramitación, a arbitrariedade e subxectividade na súa concesión así como a marcaxe humillante dos servizos sociais son unha constante en todas elas. O clientelismo social e político vai de seu. As rendas mínimas son unha ferramenta de produción e reprodución da exclusión social.

5. Mátanme se non traballo e se traballo mátanme. A renda básica contra o dogal do salario

A segunda fronte é o do laboralismo e a proposta que adoita presentarse en forma de contradición irresoluble é a do traballo garantido. A pesar de que adoita enunciarse como unha crítica de esquerdas, a súa incompatibilidade coa renda básica parte duns supostos moi febles. Para empezar, dunha confusión evidente entre traballo e emprego. Claro que o traballo é estructurador da vida e lugar de socialización, claro que constitúe un fundamento ontolóxico do ser humano. Pero o emprego asalariado é, soamente, unha modalidade histórica do traballo, a que caracteriza ao capitalismo. “Que o traballo, é dicir a nosa forma de estar e ser no mundo, de relacionarnos coa natureza, de ser natureza, de atopar nelas os recursos da nosa subsistencia, constitúase baixo o capitalismo nunha condición sometida á vontade de quen detentan, usurpan, xestionan e usufrutúan os medios de produción é algo totalmente absurdo” (Constantino Bértolo). A renda básica pode ser un resorte contra a desmercantilización da forza de traballo, contra o poder disciplinador do desemprego e, sobre todo, un fondo de resistencia contra a explotación laboral. Doutra banda, a posta en marcha de plans de traballo socialmente útiles (coidado de dependentes, reforzo da educación e da sanidade pública, protección e reforestación de bosques, servizos culturais, deportivos e recreativos, rehabilitación de edificios…) son perfectamente compaxinables coa implantación da renda básica.

Pero quizais o adversario máis perigoso o constitúan as visións liberais da renda básica. O obxectivo dos especuladores e mercadores de Davos, Silicon Valley ou o FMI, repentina e sorprendentemente interesados nesta proposición, está claro: queren desmantelar os estados do benestar —o que queda de eles— a cambio da renda básica. Unha renda a modo de cheque que substitúa —e de paso mercantilice— a educación, a sanidade ou os servizos sociais.

A renda básica emancipatoria pode e debe responder os tres envites. Fronte á economía da miseria, a economía da dignidade. Fronte á explotación laboral, un baluarte que garanta as necesidades materiais. E fronte ao individualismo posesivo e o sálvese quen poida, a semente dunha sociedade alternativa con fortes vínculos comunitarios.

6. Ou a renda básica de Davos e a Troika ou a renda básica das prazas, esa é a partida

Ata hai ben pouco tempo as obxeccións fundamentais que se expuñan á renda básica eran tres, a saber, de onde sairía o diñeiro, se non era inxusto que a percibisen xentes como Botín e se non se trataba dunha utopía. Hoxe o debate xa é outro. Ninguén sensato dúbida da viabilidade económica tras coñecer as cantidades destinadas ao rescate aos bancos (60.000 millóns de euros), o custo dos delitos de corrupción (90.000 millóns anuais) ou o inxente volume da fraude fiscal (outros 90.000 millóns), por pór só tres exemplos. E é fácil de entender que a renda básica ten que ir acompañada dunha reforma fiscal progresiva. Claro que hai diñeiro para a renda básica, o problema non é económico, é político. Fáltanos a forza social para impola.

Débeda ou renda, os bancos ou as persoas, austericidio ou emancipación, renda de Davos ou renda das prazas. A disxuntiva non é xa tanto se haberá renda básica ou non, senón cal será a orientación da mesma. Ou se impón a deles, un subsidio de contención, un dispositivo máis para continuar o festín dos ricos, ou vence a nosa, unha ferramenta que una o urxente e o desexable, a resposta á inseguridade e o empobrecemento e, ao tempo, “unha alternativa orientada a promover e a realizar outra idea de sociedade” (Ferrajoli). Que a balanza se incline cara a un lado ou outro, dependerá da forza dos contendentes, da súa intelixencia e determinación, da súa capacidade hexemónica.

7. Sen conflito, non hai cambio. Sen empoderamento, non haberá renda básica

“Non son un cliente, nin un consumidor, nin un usuario do servizo. Non son un gandul, nin un esmoleiro nin un ladrón. Non son un número da Seguridade Social ou un expediente. Sempre paguei as miñas débedas ata o último céntimo e estou orgulloso. Non acepto nin busco caridade. Chámome Daniel Blake, son unha persoa, non un can, e como tal esixo os meus dereitos. Eu, Daniel Blake, son un cidadán, nin máis nin menos”.
Eu, Daniel Blake (Ken Loach)

En España, ao longo das dúas últimas décadas, foi tomando corpo un movemento difuso a favor da renda básica. É o produto dunha sementeira tenaz na que participaron investigadores e estudosos como Ramiro Pinto, José Iglesias, Daniel Raventós, Carolina del Olmo, Cive Pérez, David Casassas, Amaia Pérez, Óscar Jurado, Carmen Castro ou Jorge Moruno, entre moitos outros e colectivos como Baladre, a Rede Renda Básica, Arenci, os Campamentos Dignidade ou a Fundación de Investigacións Marxistas.

Pero foi, sobre todo, no últimos seis anos cando a proposta se estendeu entre amplas capas da poboación. Apareceu con forza nas prazas, da man do 15M e, despois, a ILP estatal e as Marchas da Dignidade converteríana definitivamente nunha das puntas de lanza do movemento popular. En 2015, nacería a Marea Básica, un movemento que forman colectivos integrados por persoas que sofren o paro ou a precariedade, e desde entón a loita non deixou de crecer. Folgas de fame como as de Ramiro Pinto, Juanjo Huerta e —recentemente, reivindicando a renda básica andaluza— Paco Vega, Demetrio Cano, Mario Arias e Feliciana Mora, e multitude de accións de protesta e desobediencia por todo o territorio, postas en pé por colectivos como Parados en Movemento de Valladolid, as Cadeiras da fame de Valencia, os Campamentos Dignidade de Estremadura, a Marea Básica de Madrid ou Cataluña, a campaña polo cumprimento da Carta Social Europea.

Todo ese riquísimo proceso de organización e loita constitúe o embrión de algo moito máis grande, o suxeito social da renda básica. Un movemento plural, con acentos e ritmos diversos, que non disocian a realidade e as ideas, que pelexa o horizonte desde o apoio mutuo e a pugna polo pan cotián. Un movemento non “para” a xente común, senón da xente común, no que adquiren centralidade os procesos de empoderamento.

A renda básica pode axudar a construír unha alianza social entre sectores da poboación que estiveron tradicionalmente de costas ou se miraban con receo. A crise puxo patas para arriba o imaxinario de clase media, a promesa universal de ascenso, o corporativismo, a “relixión” da meritocracia. E afundiu na miseria a sectores importantes das clases traballadoras. A renda básica pode ser unha canle de unidade popular, que una ao cani e ao informático, ao parado da construción e á bolseira posdoctoral, ás kellys e aos teleoperadores, a todas as achas das clases traballadoras.

En marzo de 2018, terá lugar unha Marcha Básica contra o paro e a precariedade. A primeira das columnas xa ten calendario, sairá o 10 de marzo de León para chegar a Madrid o 24 de marzo. Esta primavera a mobilización pola renda básica e polos dereitos sociais pode dar un salto de xigante. O camiño chámase dignidade.

Manuel Cañada

Membro dos Campamentos Dignidade de Estremadura e da Marea Básica

O Salto