• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Sentenza

A avogada da UE equipara o dereito de interinos e funcionarios a pedir excedencias por servizos especiais

É contrario ao principio de non discriminación

A funcionaria interina no Principado de Asturias Isabel Vega González foi elixida deputada polo PSOE no Parlamento rexional en 2015. Entón, pediu unha excedencia por servizos especiais, ou no seu caso excedencia voluntaria, para poder volver ao seu posto unha vez acabase o seu mandato na categoría do Corpo superior de Administradores. Admitía que isto só sería posible no caso de que o posto  non fose amortizado e non estivese ocupado por un funcionario de carreira. Pero a Dirección Xeral de Función Pública denegou a súa petición e ela recorreu, primeiro administrativamente e despois nos tribunais, ata chegar ao Tribunal de Xustiza da UE. 

Agora, a Avogada Xeral  Eleanor Sharpston, cuxo criterio non é vinculante pero adoita ser seguido pola corte con sede en Luxemburgo nas sentenzas, determinou que un interino ten o mesmo dereito que un funcionario para gozar dunha situación de servizos especiais e volver ao seu posto. 

Impacto negativo na representatividade

A Avogada Xeral destaca, en primeiro lugar, que a situación a que dá lugar a normativa española pode disuadir aos funcionarios interinos de presentarse candidatos ás eleccións, o que, á súa vez, pode ter un impacto negativo na diversidade e representatividade do órgano lexislativo.

O Goberno español insistía en que a suspensión solicitada deriva da decisión voluntaria e unilateral de Isabel Vega González de concorrer a un proceso electoral e desempeñar as funcións de deputado con exclusividade. Pero a Avogada Xeral refuga eses argumentos e subliña que denegar ese dereito, ao que os funcionarios de carreira poden acceder sen estar suxeitos a requisito algún, aos seus equivalentes funcionarios interinos "é contrario á finalidade do Dereito da Unión" e ao principio de non discriminación.

Engade que a diferenza de trato "non está xustificada por razóns obxectivas" nin se achegaron documentos que xustifiquen a diferenza de trato e que os labores da agora deputada rexional eran comparables ás dunha funcionaria de carreira. 

Condicións de traballo 

A Avogada Xeral lembra que o Tribunal de Xustiza declarou reiteradamente que todas as condicións que forman parte da relación laboral están incluídas no termo "condiciones de traballo", e que o dereito á situación administrativa de servizos especiais está englobado no conxunto de dereitos e obrigacións que definen a relación de servizo entre o empregado público e o seu empregador.

O Goberno español discrepaba, alegando que dita situación non se inclúe entre as "condicións de traballo". Segundo el, o outorgar unha suspensión da relación laboral non está vinculado coa relación entre o traballador e o empresario.

Outras sentenzas europeas sobre interinos

Non é a primeira vez que os interinos, traballadores públicos temporais, reciben unha lombeirada do Tribunal da UE. O pasado setembro, varias  sentenzas suxerían que os interinos que cobren prazas de funcionarios e que encadean contratos temporais fraudulentamente deben ser considerados indefinidos non fixos. Recoñeceuse o seu dereito para recibir unha indemnización cando cesan no seu posto. 

Meses despois, o Goberno anunciou a súa intención de acabar coa enorme temporalidade nas administracións públicas, e de sacar a concurso nos próximos anos unhas 300.000 prazas que agora son ocupadas por interinos.

El Diario