• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Laboral. Salario mínimo e dereito de folga

O acordo sobre o SMI consolida a miseria salarial

Os sindicatos UGT e CCOO traizoan unha vez máis aos traballadores e traballadoras

O acordo asinado por UGT, CC OO, CEOE, Cepyme e Goberno, terá consecuencia o incremento da precariedade ao consolidar salarios misérrimos moi inferiores aos imprescindibles para satisfacer as necesidades básicas. Unha vez máis os sindicatos do sistema traicionan @s traballador@s ao dobregarse á vontade de empresarios e aos políticos que os representan.

O acordo asinado contempla unha subida para o ano 2018 de ata os 735 euros pero condicionada a que se produzan 450.000 altas na seguridade social. O acordo establece a posibilidade de que o SMI chegue aos 850 euros en tres anos, cando ao noso entender, agora xa, non debería baixar dos 1.200€ mensuais.

Os sindicatos UGT e CCOO traizoan unha vez máis aos traballadores e traballadoras consolidando co seu beneplácito a precariedade, empobrecemento e exclusión social dos sectores que máis sofren os efectos desta crise estafa, e todo iso coa única finalidade de incrementar os beneficios empresariais.

Pouco a pouco o estado español vai recuperando a normativa franquista, á persecución da disidencia, manifestada por escrito nas redes sociais ou mediante calquera outro xeito de expresión (concentración, manifestación...) Únense agora os intentos de laminación da reivindicación laboral, a última e importante actuación neste sentido é a da suspensión dos paros parciais convocados polo@s traballador@s de Prosegur do aeroporto de Barajas. Aduce o xuíz que "ha de darse primacía a la defensa de los intereses generales de la sociedad". En definitiva unha violación do dereito fundamental á folga.

O camiño que nos queren facer percorrer téñeno determinado. Temos que facerlle fronte con todas as armas ao noso alcance.