• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Represión

Xuíz de Murcia ratifica sanción á banda Rokavieja por pronunciar a frase “moita policía, pouca diversión” nun concerto

O grupo responde co último single titulado ‘'Perséguennos'', unha canción en protesta polos feitos ocorridos

Desde Rokavieja, queremos mostrar nosa máis profunda decepción pola resolución nos Xulgados de Murcia na que se ratifica a sanción imposta sobre un dos integrantes da banda, Liborio Ruíz, quen finalmente foi sancionado por utilizar, tal e como nós entendemos, o seu dereito á liberdade de expresión.

Os feitos polos que Liborio Ruíz foi sancionado producíronse durante a celebración dun concerto no municipio de Yecla (Murcia) o pasado 16 de setembro de 2016. Durante o transcurso do mesmo, a banda observou como varios Axentes da Policía Local de Yecla interromperon no público para deter a un dos asistentes por motivos que nese preciso momento a banda descoñecía por completo. Tras observar a desproporcionada forza coa que os axentes realizaban o seu traballo (foron 4 os axentes que interviñeron realizando unha actuación non acorde, cremos, co que estaba a suceder), e imaxinando que a idade da persoa que estaba a ser inmobilizada apenas podía superar os 18 anos, dous dos membros do grupo pronunciaron, respectivamente e nesta orde, as frases ‘'para ver se podedes con el'' e ‘'Moita policía, pouca diversión'', unha consigna que leva pululando polos escenarios e entre a mocidade española desde que en 1983 a banda orixinaria de Santurce, Eskorbuto, a incluíse como título do que foi o seu primeiro álbum. Tras esa escena, a pesar do descoñecemento do que pasara, o grupo proseguiu coa súa actuación con total normalidade.

Un mes máis tarde daqueles feitos, Liborio Ruíz recibiu unha nota cunha sanción na que as autoridades poñían na súa boca ámbalas frases anteriormente mencionadas e na que se alegaba que a intención do demandado foi provocar ás masas en contra da policía e impedir a actuación policial. Como se mencionou anteriormente, en ningún caso o motivo daquelas frases foi alentar ao público para impedir o traballo da policía, senón que foron pronunciadas sen premeditación e como unha forma de opinión ante a escena que se estaba desenvolvendo en metade do seu concerto. Ante estes feitos, o grupo decidiu tratar de revogar esa sanción en instancias superiores de xustiza, amparándose no seu dereito á liberdade de expresión en canto entendían que os feitos foron erroneamente interpretados polos axentes da autoridade, quen entendeu que as frases foron pronunciadas co fin de alterar a orde pública cando a banda soamente quería expresar a súa desconformidade coa actuación policial.

O pasado 19 de decembro de 2017, o avogado de Liborio Ruíz recibiu a resolución do Xuíz na que o mesmo ratifica e apoia a sanción interposta pola Policía Local de Yecla, na que finalmente se condena ao demandado polos cargos de alteración da orde pública cunha sanción de 375 euros. Desde Rokavieja queremos mostrar o noso máis profundo rexeitamento a esta sentenza en canto a que entendemos que os feitos non se produciron tal e como na sanción se relatan, e reiteramos que o propósito daquelas frases foi a de denunciar un feito completamente innecesario durante o transcurso do noso concerto, e non o alterar a orde pública ou alentar ás masas para atacar á policía (situacións que non chegaron a producirse naquela noite do 16 de setembro de 2016). Cremos que a xustiza non estivo acertada con esta resolución, e tememos que no futuro máis artistas e bandas de música poidan verse na situación de ver recortada a súa liberdade de expresión.

Finalmente, Liborio Ruíz acatará a sentenza, asumirá os cargos e procederá ao pago da sanción económica. Tras ver que non poderemos defendernos a través das vías da xustiza, o grupo responde como mellor o sabe facer, a través da música, co último single titulado ‘'Perséguennos'', unha canción en protesta polos feitos ocorridos.

SENTENZA XUDICIAL A ROKAVIEJA

Kaos en la red