• Número 377
  • 26 de decembro de 2017

Oficina de Dereitos Sociais-Coia

Loitamos contra "Caballero Vader" e as políticas que nos afogan

El é un dos máximos representantes dun xeito de facer política que beneficia a uns poucos, os de sempre

Volvemos ás rúas, nesta ocasión para derrotar ao lado escuro que representa "Caballero Vader". El é un dos máximos representantes dun xeito de facer política que beneficia a uns poucos, os de sempre (Aqualia, Vitrasa, construtoras, Clece...) e que empobrécenos a moitas. Claro exemplo é que seguimos a ter uns servizos sociais colapsados que non son quen de garantir unha vida digna á veciñanza. Sen cartos para garantir dereitos é imposible, porén non é que non haxa cartos na cidade, mais ben os que hai ben están nos petos daqueles que avanzan no modelo de cidade capitalista, pensada para o consumo e o turismo.

De todos xeitos hoxe o ben derrotou ao mal. Máis alá da brincadeira seguiremos a traballar para que dende  abaixo organícense resistencias fronte á mala vida na que nos deixan os poderes.

Apuntamos que o papel da policía local no acto de hoxe foi pésima. Malia estar comunicada en tempo e forma a concentración, non cumpriron coa obriga de garantir a seguridade no acto. Negáronse a cortar o tráfico até que houbo un accidente, sen graves consecuencias, dunha motocicleta.

Achegamos o manifesto lido na concentración de hoxe:

Caballero: o lado escuro das políticas sociais

Malia os cartos que o goberno de Caballero emprega en propaganda -abonda con ler notas de prensa emitidas por Alcaldía que reproducen no Faro de Vigo ou en Radio Vigo- a crúa realidade na que malvivimos moitas viguesas non desaparece. A última en afear as políticas deste goberno foi a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais que cualificou, no seu último estudo, de “precario” o gasto social de Vigo (tan só 42,43 € por habitante).

A enchente de cartos dilapidados no alumeado de nadal (case 800.000 € dos cales 636.000 € en luces e 135.000 € en decoración) non son quen de evitar que Caballero afonde no lado escuro das políticas sociais. Con miles de luces nas rúas da cidade quere que non vexamos que imos cara a escuridade total. Unha negrura que arrepía para as que pasamos semanas, meses estirando o que non temos mentres o fachendoso do alcalde dilapida o diñeiro de todas en parvadas.

Do mesmo modo que Darth Vader simboliza o mal, este goberno representa a peor faciana da política municipal. Por iso volve a recuncar en medidas que lonxe de asegurar unha vida digna para todas afondan no modelo de cidade capitalista. Nela ás que non temos para consumir somos ou esquecidas ou reprimidas cando saímos do rego.

Tal e como tirou centos de miles de euros en chantar o Bernardo Alfageme na rotonda de Castelao, agora pensa malgastar 400.000 € en cambiar as fontes do parque de “Os volcáns”. Tanto lle ten que preto unha veciña vaia ser despexada con tres crianzas, que unha parella que cobra a RISGA vaia ficar na rúa con dúas nenas ou que miles de veciñas agardemos meses por axudas sociais que os servizos sociais non son quen de resolver en prazo pola insuficiencia de persoal e de recursos.

Os orzamentos municipais, ademais no caso de Vigo con superávit, poden ser unha boa ferramenta para avanzar noutro modelo de cidade que responda ás verdadeiras necesidades da veciñanza. Moitas temos claro que o “raquítico” investimento en dereitos sociais ten que ver coas moreas de cartos que se tiran: en subvencionar a compañías aéreas, en reformar o estadio municipal de Balaídos para o uso dunha empresa, en rescatar á concesionaria do auditorio Mar de Vigo, en que VITRASA ou Aqualia fagan negocios con necesidades tan básicas como a mobilidade ou o acceso a auga...

Por todo isto vimos hoxe para loitar contra o lado escuro. Estamos nas rúas para loitar polo dereito a unha vida digna para todas!

 

19 de decembro 2017

ODS-Coia