• Número 375
  • 11 de decembro de 2017

Antifascismo - Anticapitalismo

6D, Arroxemos a pantomima monárquica ao vertedoiro da historia

Digamos basta á pantomima monárquica, digamos basta ao imbécil nacionalismo español

Máis de catro millóns de persoas en paro. Os traballos cada vez máis precarios e peor retribuidos. Feminización absoluta do desemprego e a pobreza. Máis de dezasete mil desafiuzamentos durante o primeiro trimestre do ano. Terceiro país europeo en pobreza infantil. Máis dun millón e medio de fogares baixo a chamada "pobreza enerxética" mentres as eléctricas aumentan os seus beneficios. Desmantelamento progresivo de todos os servizos públicos. Deterioración da sanidade pública, hospitais que caen a pedazos, meses de espera para unha simple ecografía.

Estudantes que abandonan as súas carreiras por non poder pagar as taxas universitarias. Paupérrimas pensións. Duascentas cincuenta mil persoas nas colas da beneficencia. Trescentas cincuenta mil persoas dependentes que non reciben ningunha axuda. Encarecemento xeral da vida. Corrupción galopante institucionalizada. Manipulación constante da información. Ausencia total de vontade democrática para enfrontar os conflitos políticos e territoriais. Represión. Persecución ideolóxica. Mozas procesadas/os na Audiencia Nacional por delitos de opinión. Presas/os políticos en todo o Estado e impunidade total para os grupos fascistas que campan ás súas anchas...  

Onde están os nosos dereitos constitucionais?  

Pasaron trinta e nove anos. A maioría da poboación que actualmente ten dereito a voto non participou no referendo que ratificou a aprobación da Carta Magna, e que se realizou nun contexto de pura coacción, a través da represión, o terror fascista e o constante ruído de sabres que ameazaba cunha regresión aos peores tempos da ditadura. Nesas condicións, os chamados pais da Constitución redactaron o ordenamento constitucional baixo o ditado da vella oligarquía, que co novo modelo político non facía senón blindar os seus propios intereses.

Hoxe séguennos vendendo o relato dunha transición modélica e dunha Constitución exemplar que debemos abrazar con fe cega. Apélase á súa sacralidade, incuestionable, monolítica e eterna. Pero, a pesar dos inquisidores constitucionalistas, a realidade é teimuda e a roda da historia non se detén. É un feito innegable; Os mandamentos constitucionais son de pedra e aplícanse con exquisito rigor cando se trata de protexer os intereses dos ricos e as súas empresas, pero son papel mollado cando se trata de defender os intereses do pobo e da clase traballadora. Xa ninguén cuestiona esta realidade.

O paternalismo dos pais fundadores chegou ao seu fin. A auto compracencia de quen "correron diante dos grises" e fixeron "o mellor que se podía facer" confronta coas necesidades obxectivas de cambio que hoxe reclaman os pobos, o conxunto da clase traballadora e en particular a súa mocidade.

Digamos basta á pantomima monárquica, digamos basta ao imbécil nacionalismo español, digamos basta á oligarquía parasitaria, digamos basta á constitución dos ricos.

A clase traballadora debe escribir as súas propias leis e facelas cumprir!

Arroxemos a pantomima monárquica ao vertedoiro da historia!

Texto completo en: https://www.lahaine.org/mm_ss_est_esp.php/6d-arrojemos-la-pantomima-monarquica