• Número 375
  • 11 de decembro de 2017

Represión

Solidariedade coas multadas nas protestas polo desaloxo do Escarnio e Maldizer

O sábado 2 de decembro o Centro Social A Gentalha do Pichel de Compostela acolleu unha xornada solidaria coas persoas represaliadas en xuño durante as mobilizacións en protesta polo desaloxo do CSOA Escarnio e Maldizer.

O pasado día 10 de xuño, durante as mobilizacións de rexeitamento ao desaloxo do CSOA Escarnio e Maldizer, uns centos de persoas deciden ocupar simbolicamente o patio do antigo colexio privado Peleteiro, situado unha céntrica rúa do ensanche compostelán. Esta acción simbólica saldouse con multitude de persoas feridas e identificadas após unha desproporcionada intervención policial contra as manifestantes. Como resultado de todo iso, meses despois unhas 115 persoas recibiron multas entre os 200 e os 800 euros.

Unha representación da asemblea das persoas multadas deu unha rolda de prensa o pasado sábado día 2 de decembro no Centro Social A Gentalha do Pichel. Lembrando as mobilizacións da pasada primavera no marco do desaloxo do CSOA Escarnio e Maldizer, as dúas portavoces insistiron na “brutal actuación policial” contra persoas que “tiñan unha actitude totalmente pacífica” durante a ocupación do patio do antigo colexio Peleteiro.

Foron ameazadas, apancadas, insultadas, vexadas, identificadas unha por unha e algunhas enviadas á comisaría

As forzas policiais “gabearon até a altura da porta principal do colexio para disparar dalí varias bolas de borracha e botes de fume para dentro, xerando así unha situación totalmente gratuíta de risco, tensión e pánico nas persoas que alí estaban” denunciaron. Durante o desaloxo das manifestantes que permanecían no patio do Peleteiro éstas foron “ameazadas, apancadas, insultadas, vexadas, identificadas unha por unha e algunhas enviadas á comisaría”, continuaron.

Segundo o comunicado que leron as portavoces durante o acto, “o único que conseguiu o Estado español con estas medidas punitivas é incrementar o tamaño da rede de solidariedade contra a súa represión e activar unha asemblea de multadas que, se callar, facéndonos máis fortes, sirva como semente de novas okupacións que volvan encher de vida o baleiro ao que a máquina capitalista nos condena”.

Á xornada solidaria coas persoas multadas proseguiu cunha sesión vermú que contou coas actuacións de Zurraspa e Lamprea explosiva. Logo do xantar e dunha mesa de debate, botou andar unha manifestación que percorreu as rúas do centro da cidade sen presenza policial. A mobilización rematou coa lectura dun comunicado diante do espazo que durante anos fora o Centro Social Ocupado e Autoxerido Escarnio e Maldizer, hoxe en situación de total abandono. Á noite, os grupos musicais Dakidarría en acústico, Punkiereteiras, Mulheres na batida e unha batalla de DJ’S puxeron punto e final á xornada, que tamén tiña por obxecto recoller achegas para afrontar a represión económica.

O Salto