• Número 375
  • 11 de decembro de 2017

Universidade

Día 12, reunión do Claustro Universitario

Como facemos sempre, a representación do PAS denunciará diante da comunidade universitaria, a situación do colectivo, reivindicando que as melloras no orzamento incrementen a acción social

Despois dunha semana na que, pola coincidencia de dous días festivos, a actividade relativa ao colectivo foi nula, comezamos unha animada etapa centrada no debate sobre os orzamentos do ano 2018. Comeza, esta xeira, coa reunión, o vindeiro día 12, do Claustro Universitario. Para o día 19 xa está prevista unha reunión da Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais do Consello Social da que aínda non temos orde do día.

Orde do día do Claustro:

1. Aprobación, se proceder, da acta da sesión ordinaria do 15 de maio de 2017

2. Informe do reitor

3. Aprobación das liñas xerais da programación plurianual e orzamentaria 2018-2019

4. Quenda aberta de intervencións

No punto 3, despois de situar o contexto orzamentario segundo o que a Universidade da Coruña, sufriu un gran deterioro dende o ano 2009. Neste período os orzamentos diminuíron un13,28%, baixando dende os 137,8 millóns no ano 2009 até os 119,45 millóns no derradeiro orzamento aprobado que corresponde ao ano  2017. Estas limitacións orzamentarias están afectando a todos os ámbitos de desenvolvemento e funcionamento diario así como a todos os colectivos implicados como PDI, PAS e estudantes.

Execución da sentenza por infrafinanciamento estrutural

Xunta e Universidade  aceptan a base do cálculo e a contía da mesma, cuxo saldo acumulado ascende a catro millóns douscentos dous mil seiscentos oitenta e un euros (4.202.681,00 €). O pago do saldo acumulado realizarase nas anualidades de 2018, 2019 e 2020 a razón dun terzo en cada ano (1.400.893,67 €).

Como consecuencia das debilidades detectadas no procedemento do cálculo do custo estándar, subfondo básico do fondo estrutural, procedeuse a revisar este procedemento de cálculo.

Deste xeito, na comisión de seguimento celebrada o 20 de xullo de 2017 aprobouse o novo procedemento de cálculo do subfondo do custo estándar do fondo estrutural o cal vai depender directamente da evolución dos créditos matriculados e do establecemento dun modulo económico equiparable para as tres universidades galegas.

O Plan de Financiamento establece que unha mellora no financiamento estrutural debe ser detraída do financiamento de resultados e viceversa.

Para a UDC esta contía ascendeu a 482.895,98€. Deste xeito, as diferentes Universidades puideron subscribir un convenio de I+D+i onde a Xunta ten un fondo específico que tamén forma parte do plan de financiamento. No caso da UDC, inicialmente o compromiso era de 2,8M€, e logo da revisión do fondo estrutural quedou en 1,8M€.

O Fondo estrutural pasa de 63,2 millóns de euros en 2017 (segundo o sinalado nas Liñas xerais do orzamento 2017, aprobadas no Claustro o día 14.12.2016) a 70,14 millóns de euros en 2018.

Análise do fondo de Resultados. A contía a repartir por resultados increméntase en 5,57M€, pasando de 250,37M€ a 255,94M€. A mellora neste eido tradúcese nun incremento, tamén neste capítulo orzamentario. En concreto, ascende dende 19,79M€ a 20,71M€.

O orzamento do 2017 pasa do inicial, 91.838.849,84. Ao revisado 94.527.408,86. Sendo o de 2018 de 97.152.559,77.

En resumo:

·         O PAS non nos beneficiamos da mellora orzamentaria derivada da sentenza. A revisión orzamentaria realizada no ano 2017 parece que se derivou a un convenio de I+D+i que incrementou a conta de resultados dos de sempre. De ser este o caso, entendemos que se incumpre a finalidade de fondo estrutural, lembramos que o financiamento estrutural sufraga as necesidades básicas da universidade, as imprescindibles para a consecución dos seus fins.

·         Requiriremos, como facemos reiteradamente, a restitución do fondo de acción social e formación ao establecido no ano 2013. A medida que medra o orzamento deben eliminarse os recortes neste importante capítulo.

·         A mellor situación orzamentaria debe reflectirse, tamén, na adopción das medidas que lle presentamos ao xerente no ámbito da conciliación e da revisión de aspectos concretos no entorno social que poidan ter repercusión económica