• Número 375
  • 11 de decembro de 2017

Libera Galiza

Caza. Unha rapazada armada

Non é menos certo que a banalización da crueldade, en calquera das súas formas, é habitual

Pode entenderse que, nun mundo supostamente civilizado existan medidas que posibilitan que un rapaz ou rapaza poida ter unha escopeta con 16 anos? Esta pregunta non debería ser retórica, nin moito menos, senón que teriamos que reflexionar con profundidade ao redor dos marcos lexislativos, morais e sociais que aínda permiten este tipo de circunstancias, máxime nunha contorna inmediata onde o ‘normal’ da violencia comeza a estar demasiado presente.

Non é menos certo que a banalización da crueldade, en calquera das súas formas, é habitual. Dende contidos de carácter audiovisual e radiofónico, con ameazas ou insultos, ata mesmo a xustificación das violencias machistas. Todo isto non pode deixarnos na punta do iceberg cavilando, senón que obriga a comprobar como a adolescencia accede a todas estas cuestións e mesmo entra en contacto (directo) coas armas, e isto ten unha fotografía moi clara: Leis de Caza.

O lobby procaza é temerario. Non maquilla a súa necesidade dun relevo xeracional. É este o principal motivo para demandar a presenza de persoas menores de 14 anos nas batidas, como plantexaron durante a tramitación da Lei de Caza de Galiza de 2013, sen esquecer a súa hilarante defensa sobre as bondades: O clásico respecto pola natureza, o respecto polos animais ou capacidade para regular os ecosistemas.

Estes grupos de presión están liderados pola ‘Federación Galega de Caza’, un ente cuxa finalidade público-privada non está moi clara e mesmo recibe milleiros de euros por parte da Xunta de Galiza para organizar xuntanzas con mozos, ‘Supercopas’ de caza do raposo... A FGC plantexa abertamente a necesidade de que a rapazada
entre en contacto cos cartuchos, o sangue e os accidentes.

Os cazadores adoitan empregar o medo e instrumentalizan a diferentes parte da Sociedade para servirse dos seus intereses. Para xustificar a rebaixa da idade de caza poñen na cocteleira aos agricultores e gandeiros. Inclúen a potencial activación dos seus ‘federados’ como arma electoral e trufan o argumentario coa pementa dos manidos obxectivos ambientais.

Pois o cóctel non funcionou. Houbo unha proposta da FGC para rebaixar dos 16 aos 14 anos a idade de participación da caza que non saíu adiante naquela altura pola presión social e institucional que se xerou. Unha polémica na que incluso o Valedor do Pobo chegou a advertir que esta rebaixa da idade legal para participar en actividades de caza atentaba contra os dereitos da infancia.

Así, a participación de rapaces no medio desta historia xera novas inquedanzas que abren portas moi escuras. Non é só facer das armas e da matanza de animais unha actividade aceptable, senón entrar nun entorno onde o machismo é habitual, e mesmo se fai fomento disto coas “monterías femininas”, a través das cales determinados grupos fan gala dunha vomitiva conceptualización da Igualdade.

E mentres rapazas e rapaces coa súa escopeta, co seu chaleco, coas súas botas técnicas polo monte adiante a ver se rebentan algo que engadir a súa particular conta de méritos.

O Salto