• Número 375
  • 11 de decembro de 2017

Stop Desafiuzamentos

Detidos oito activistas da PAH por ocupar unha oficina de La Caixa en Guadalaxara

@s activistas pedían a suspensión dun xuízo contra Paola, acusada de usurpación, e abrir unha negociación para un aluguer social

A Garda Civil detivo o día 5 a oito activistas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Guadalaxara tras varias horas de peche nunha oficina de La Caixa no municipio de Cabanillas del Campo. “Era unha acción polo caso dunha vivenda recuperada na que viven unha muller e os seus fillos, que son menores de idade”, explica ao Salto o portavoz de PAH Guadalaxara

Paola entrou a vivir nunha vivenda que A Caixa mantiña baleira en Cabanillas del Campo, xunto aos seus fillos, fai tres anos. “Entrou a vivir alí porque non tiña nin para pagar o aluguer nin para nada”, explica o portavoz. Paola tentou negociar coa Caixa e a súa inmobiliaria, BuildingCenter, un aluguer social, pero non obtivo resposta. Pola contra, a entidade presentou unha denuncia por usurpación contra Paola, que está previsto que chegue a xuízo nos próximos días.

O día 5, ás 10h, unha ducia de activistas de PAH Guadalaxara acudiron á oficina de La Caixa en Cabanillas del Campo para reclamar a suspensión do xuízo e a apertura dunha liña de negociación para un aluguer social para Paola e os seus fillos. “Negáronse rotundamente, non quixeron nin falar connosco”, lamenta o portavoz de PAH Guadalaxara.

Á primeira hora, desde a entidade chamaron á Garda Civil, que chegou á oficina, identificou a todos os activistas da PAH e fóronse. “Ás 14h, momento do peche da oficina, dixémoslles que non nos iamos a ir sen unha solución, pero pecháronse en banda”, relatan desde a PAH. O director da oficina volveu a chamar á Garda Civil, que se levaron a oito persoas detidas ao cuartel de Guadalaxara por negarse a abandonar a oficina. Membros da PAH Guadalaxara acudiron ata o cuartel para esperar a saída das súas compañeiras, que, ao peche de edición desta noticia, seguían baixo custodia.

Esta é a última mostra de represión sufrida pola PAH de Guadalaxara. O colectivo subliña que no último mes recibiron polo menos 16 denuncias. Once delas relacionadas con pór adhesivos e supostos insultos ao director da oficina de Caja Duero, en 2016, e as outras seis a cargo do Banco Santander, por resistencia no desaloxo dunha oficina deste banco. Segundo explican desde PAH Guadalaxara, neste último caso, ademais, un dos activistas foi agredido e resultou lesionado.

O Salto