• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Non aos CIE

O Defensor do Pobo critica que os antidisturbios xestionen o CIE improvisado de Archidona

Concentración o domingo 26 de novembro fronte ao centro penal de Archidona (Málaga)

A oficina do Defensor do Pobo publicou hoxe as conclusións que esta oficina, dirixida por Francisco Fernández Marugán obtivo da súa visita, os días 23 e 24 de novembro, ao centro penal de Archidona onde, desde hai máis dunha semana, se atopan ingresadas medio milleiro de persoas procedentes de Alxeria e desembarcadas nas costas de Murcia e Almería.

Entre as principais preocupacións do Defensor do Pobo está o feito de que é a Unidade de Intervención Policial (UIP), coñecida como unidade antidisturbios, a encargada da xestión directa cos ingresados no centro, cos seus uniformes e instrumentos habituais. Ante o que recomenda “substituír como axentes de custodia aos membros da UIP por funcionarios policiais das brigadas que habitualmente prestan servizos nos CIE”.

A pesar de que no traslado ao penal o Ministerio de Interior quixo destacar que se trata dun centro novo con multitude de comodidades, a oficina do Defensor do Pobo rexistrou na súa visita que moitas das instalacións permanecen pechadas ás persoas recluídas e constata que non todos os servizos, incluso algúns elementais, están operativos: “os internos permanecen no patio desde o almorzo ata a cea (excepto para a comida) sen poder pasar ao resto de zonas comúns, incluído os baños. Esta ausencia de horario e actividades favorecen os incidentes entre os internos”, di a Oficina.

Como estaba previsto, a ficha da visita do Defensor do Pobo apunta entre as conclusións que non existía orde ou resolución que habilitase de forma provisional as instalacións para o uso como centro de internamento de estranxeiros. E engade que ningunha, salvo unha, das resolucións xudiciais que permitiron o traslado destas persoas autorizaban o ingreso nun centro de tipo penal, “o que xera dúbidas ao Defensor sobre a información facilitada aos distintos órganos xurisdicionais”

Outra das conclusións da visita é que non se observaron as regras mínimas para a custodia das persoas internadas nun CIE, concretamente falta atención sanitaria suficiente, faltan normas mínimas de funcionamento do centro e non hai horario e actividades previstas. Tampouco se está facilitando a comunicación con familiares e visitas establecida por Lei.

Por último, a oficina do Defensor do Pobo sinala que non se produciu o preceptivo exame médico das persoas ingresadas e que no traslado das mesmas ao centro uniuse a uns e outros mediante bridas.

O Salto