• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Sanidade pública

Médicos do Clínico aseguran que houbo "atrasos", "trabas" e criterios "arbitrarios" nos tratamentos da hepatite

Imaxe dunha protesta da plataforma

Dous médicos do Hospital Clínico de Santiago declararon este xoves ante o xuíz que a concesión de tratamentos contra a hepatite C sufriu "atrasos" por mor de "trabas" e de criterios "arbitrarios" motivados polo seu "alto impacto económico".

Así o dixo, as declaracións a Europa Press, a avogada da acusación particular, que exerce a Plataforma de Afectados pola Hepatite C, e que este xoves acudiu á segunda das vistas de testemuños ordenadas polo xuíz instrutor esta semana.

O caso, que investiga ao actual xerente da área sanitaria viguesa, Félix Rubial, ex director de Asistencia Sanitaria, e á subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, trata de determinar se houbo irregularidades na subministración dos novos tratamentos para esta enfermidade que puidesen derivar na morte de pacientes, como denunciou con especial intensidade a Asociación Plataforma de Afectados pola Hepatite C.

Entre as persoas citadas a declarar por Andrés Lago Louro, este xoves compareceron como testemuñas dous médicos do servizo de transplantes do Clínico de Santiago, que se reafirmaron ante o maxistrado na súa declaración previa e apoiaron "as teses" da acusación.

ATRASOS E TRABAS

Segundo a avogada da Plataforma, ambos os facultativos dixeron que "existiron atrasos na autorización destes tratamentos" a pacientes en situación grave e que a "decisión de restrinxir os criterios levo a cabo de forma arbitraria" e baseada en cuestións de "financiamento".

Os médicos recoñeceron que se trata de "tratamentos de alto impacto económico" e que os facultativos que o solicitaban tiñan "trabas para obtelos", con atrasos de "até catro meses" nos que os pacientes empeoraban significativamente a súa saúde.

Estes médicos, xunto co doutor Evaristo Varo, que este xoves non puido declarar por compromisos profesionais, foron os que "iniciaron o proceso de denunciar" os atrasos, comunicaron aos seus superiores que os criterios de adxudicación "eran restritivos" e instaron os pacientes e aos seus familiares a denuncialo.

Os outros testemuñas que compareceron este xoves, explicou a avogada da acusación, limitáronse a "seguir a tese do Sergas" e asegurar que "non lembran" ou non lles "consta" os criterios que se empregaron para estes tratamentos.

Após esta rolda de testemuñas, a acusación mantén ante o maxistrado do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago a petición de que declaren tamén nesta fase pacientes e familiares que se viron involucrados neste proceso ou que tiveron coñecemento dos atrasos.

Galicia Confidencial