• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Emprego público

O emprego temporal nas administracións galegas alcanza a maior cifra en seis anos

O número de empregos públicos empeza a recuperarse, pero non así a calidade

A finais do pasado mes de setembro había en Galicia 185.400 empregados públicos. Era un 6,6% máis que no principio do ano, con que o número de persoas que traballaban na comunidade nas distintas administracións volveu ás cifras de mediados de 2012. Esta é a lectura positiva da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) sobre o estado dos asalariados dos distintos organismos públicos que operan en Galicia (Xunta, Estado, concellos, deputacións e universidades). É unha boa cifra se ten en conta o tesoirada que sufriron os distintos persoais entre 2012 e mediados de 2013: 32.000 traballadores menos en 18 meses, o 15,6% do total.

O número de empregos públicos empeza a recuperarse, pero non así a calidade. E esta é a lectura negativa da EPA. Das 185.400 persoas ao servizo das distintas administracións, 140.000 (o 75%) teñen contrato fixo, mentres que 45.400 (o 25%) son temporais.

Por unha banda, os 140.000 fixos supoñen a cuarta cifra máis baixa desde que hai datos (ano 2002). Só o superan os 134.100 de finais de 2016; os 135.100 do primeiro trimestre de 2017 e os 135.700 do segundo de 2017. É dicir, as catro cifras máis baixas de empregados públicos con contrato fixo contabilízanse no último ano.

E por outra banda, os 45.400 eventuais supoñen o número máis elevado desde fai seis anos. A última vez que as administracións galegas tiveron unha cifra tan avultada de traballadores sen contrato fixo foi a finais de setembro de 2011.

Desde o arranque deste exercicio hai 11.500 persoas máis que traballan nas distintas administracións (central, autonómica e local). Delas, seis de cada dez teñen contrato temporal (6.800) mentres que o 41% son fixas (4.700).