• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

CUT - REPRESIÓN

A CUT contra a represión en Redondela: fascismo nunca máis!

A exposición ordenou retirala a Concellería de Cultura “a petición da Policía Nacional”

O pasado xoves 30 de novembro, ás 19:00 horas, na Praza do Concello de Redondela, a CUT secundou a concentración contra a represión e en defensa da liberdade de expresión organizada polo Colectivo Republicano desta vila, que hai unhas semanas asistiu atónito á retirada, por parte da Concellería de Cultura, dunha exposición fotográfica que organizara no Multiusos da Xunqueira.  

A mostra, titulada “Criminalización do pensamento”, estaba integrada por diferentes imaxes, seleccionadas polo fotógrafo Felix Cal, con referencias ás folgas e manifestacións vividas en Redondela co gallo do peche da fábrica de Regojo, e recortes de xornais sobre os últimos fusilados polo réxime franquista con referencia especial a José Humberto Baena Alonso, vigués que foi fusilado no ano 1975 e que forma parte precisamente das últimas persoas executadas en España.

A exposición ordenou retirala a Concellería de Cultura “a petición da Policía Nacional”, que entendeu, ao tempo que aplaudía a actuación do goberno do PP, que a mostra “Incitaba ao odio” e asegurou que estaba “estudando as responsabilidades penais nas que puideran incorrer as persoas ou colectivo que realizou dita exposición nun edificio público”.

Os organizadores, que denunciaron que a retirada da exposición era un claro acto de censura e esixiron a súa inmediata restitución, contaron rapidamente co apoio de colectivos sociais e de todos os partidos políticos da oposición de Redondela, que se puxeron a disposición do Colectivo Republicano para combater este ataque á liberdade de expresión de claros tintes fascistas.

A CUT, que entende que este ataque nos afecta a todos e todas, chama a todos os traballadores e traballadoras a asistir á concentración de protesta que terá lugar mañá xoves ás sete da tarde na Praza do Concello de Redondela.