• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Universidade

Resumo do Consello de Goberno do día 28 de novembro

Acudimos aos órganos de goberno para que se escoite a voz do PAS

O decurso da reunión do Consello de Goberno da que vos lembramos a Orde do día, foi totalmente plácido até a quenda aberta de intervencións da que vos pasamos un resumo das intervencións da representación do PAS e das respostas ás cuestións que presentamos.

Punto 11.- Quenda aberta de intervencións

Representante do PAS

Na última reunión do Consello de Goberno significóusenos que a sinatura dos convenios coa FUAC para a xestión de títulos propios, tiña o parabén da Asesoría Xurídica da Universidade. Aquí teño dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dos anos, 2010 e 2013, nas que despois de sinalar que a persoa que denunciaba:

·         Desde o inicio da relación laboral a actora presta os seus servizos coma auxiliar administrativa en sedes da Universidade da Coruña.

·         Que comparte despacho e instalacións co persoal laboral e funcionario da Administración,

·         Que a  actora está sometida, na realización das súas funcións, ás ordes e directrices que recibía dos superiores xerárquicos da Universidade e do director do  Master.

·         Que tódolos medios materiais que utiliza son da Universidade

·         Que a retribución que percibe, aínda que o é da  FUNDACION, provén da subvención achegada pola Administración.

·         Que realizaba non só as funcións derivadas do Convenio senón ademais as propias da súa categoría profesional dentro da Administración.

·         E, sobre todo que quen se beneficia do seu traballo é a Universidade.

Falla desestimando o recurso presentado pola Universidade, confirmando a cesión ilegal de traballadores.

A maiores, temos coñecemento de que ás traballadoras/es da FUAC, para a xestión dos títulos propios déuselles acceso á aplicación XESCAMPUS, a mesma á que acceden desde o Servizo de Xestión Académica e desde as Administracións dos centros. Tamén se lles proporcionou correo electrónico institucional.

Coa súa irresponsable actuación convértense en responsables das seguintes denuncias interpoñerán @s traballador@s da FUAC e que, de seguro, derivarán en sentenzas como as referidas.

Por outra parte, aos poucos días da realización do anterior Consello de Goberno, solicitamos na Secretaría Xeral:

Ter coñecemento da sesión do Consello de Goberno da Universidade da Coruña na que se aprobou dita modificación de estatutos e da acta onde se reflicte a súa aprobación.”

Porque parécenos imposible que non pasen por este órgano os estatutos dunha fundación á que segundo figura na documentación se lle recoñece como:

“a FUAC é un medio propio instrumental e de servizo técnico da Universidade da Coruña (en adiante UDC), a súa relación coa UDC considérase, para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado,”

Sinálolles que esta circunstancia xa está en mans dos nosa Asesoría Xurídica para avaliar o correspondente recurso.

Por outra parte comunicámoslles que, despois de múltiples intentos para que se distribuíse a roupa de traballo conforme á Resolución de Xerencia 2/2014, debido ao incumprimento da citada Resolución, mañá, na reunión da Xunta de Persoal, proporemos a denuncia en Inspección de traballo

Toma a palabra o reitor para dicir que a situación descrita nas sentenzas é produto de épocas pasadas, agora esa situación é imposible que se produza porque os convenios son con toda a FUAC, antes facíase por cada Máster. O reitor (que se vai enfadando a medida que vai falando) sinala que sabe ben o sr. Portela que os tempos non son iguais aquí, na universidade que na Fundación, o que aquí tarda tres meses, alí faise nunha semana.

Inmediatamente salta o representante do PAS para recriminar (como mínimo igual de enfadado que o reitor) as palabras do máximo representante institucional significando que se se refire a unha posible pasividade dos traballadores á hora de realizar as súas labores, a Universidade ten os medios para que esta circunstancia non suceda e, de ser así e non facer uso deles, o reitor non merece ocupar o posto que desempeña e pide a súa dimisión, pide que conste en acta as súas palabras.

Corta o reitor dicindo que se adianta o sr. Portela á intención do reitor, que o quería significar é que o traballo na institución ten picos e que durante esa situación o traballo sofre os retrasos aos que se refería.

A representación do PAS significa posteriormente que, para evitar que o traballo teña os retrasos que  sinala o reitor a institución ten os medios suficientes como para evitar a externalización, podendo, sen ir máis lonxe, contratar, se é necesario, @s traballador@s que se precisen para abordar eses períodos de máxima actividade.

Insiste a representación do PAS en que, aínda que o convenio se asine coa FUAC as condicións sinaladas e que levan a considerar que hai cesión ilegal de traballadores permanecen, polo tanto as circunstancias que derivan desa situación serán as mesmas.

Toma a palabra o reitor para recriminar á representación do PAS que se acorde agora da FUAC, cando eles tratan de solucionar os problemas, da situación da Fundación.

A representación do PAS sinala que non se descubriu a pólvora agora, todos saben porque se creou a FUAC, non sendo máis que un medio utilizado para evadir os controis que Universidade ten a obriga de realizar nas súas actuacións. Non só non se acabou con esa situación senón que agora se incrementa con todas estas encomendas de xestión. Aquí mesmo debaixo desta sala hai un Servizo de Estudos Propios que ben se podería ocupar de toda esa xestión.

O reitor comenta que aquí se ocupan do alumnado, da xestión ocúpanse na Fundación.

A representación do PAS manifesta o seu desacordo sinalando que son eles, o equipo de goberno, os que deciden onde se realiza cada unha das actividades e que si a xestión se fai a través da Fundación é porque eles o deciden así.

O Secretario Xeral toma a palabra para indicar que se informara dos novos estatutos da Fundación na sesión correspondente do Consello de Goberno

A representación do PAS sinala que non só se tiña que informar senón que se deberían traer para debate e votación. Sinala que a reforma e a nova consideración da Fundación como ente exclusivamente público ven forzado pola nova normativa Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, que entrou en vigor o 02/10/2016.

Aínda así o Secretario Xeral sinala que os cambios producidos na fundación son produto do interese da universidade, que ben se puideron non realizar.

Sobre a roupa de traballo o reitor sinala que xa dera instrucións no servizo correspondente para que se efectuara o reparto da roupa, que se volvería a interesar, a pesar diso se vostedes consideran oportuna a denuncia están no seu dereito.