• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Colectivos vulnerábeis

O Colexio de Traballo Social apresenta unha guía de boas prácticas comunitativas

O documento foi elaborado en colaboración co Colexio de Xornalistas, a Área de Benestar Social da Deputación da Coruña e a Sociedade Galega de Xerontoloxía

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza apresentou na súa sede unha nova guía de estilo para formar xornalistas no tratamento informativo de colectivos vulnerábeis. O evento estivo conducido pola presidenta do Colexio, Marta Capeáns, quen insistiu na importancia do documento, “feito por e para” profesionais da comunicación, para cumprir “o código ético que temos tanto no xornalismo como no noso campo”.

O manual pretende “cubrir unha deficiencia grande que detectamos nos medios de comunicación”, explicou Sara Torreiro, responsábel de comunicación no Colexio. “Como xornalista, sempre defendo que este tratamento non é por mala idea, senón que se debe ás rutinas de premura da profesión e á falta de formación”, explicou. Así, a guía amosa exemplos -deficientes e correctos- de novas ligadas á exclusión social, os feminicidios, a diversidade funcional, menores ou persoas de idade avanzada. “Non penso que sexa posíbel falar de obxectividade, mais si debemos facer unha mediación responsábel”, declarou Torreiro.

O documento consiste nunha edición bilingüe que foi realizado grazas á estreita colaboración do Colexio de Xornalistas. O responsábel territorial da entidade, Xaime Leiro, asegurou que tamén están a traballar en solventar outros baleiros formativos na profesión. “De feito, no Colexio estamos tamén a elaborar, en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia, outra guía para mellorar o tratamento informativo sobre a saúde mental”, comentou.

Por último, a deputada provincial en Benestar Social, Ánxela Franco, pechou o acto incidindo na posta en valor das palabras. “O que non se di, non existe”, resumiu. “Debemos dignificar a existencia de moita xente dándolle importancia ao que transmitimos coas nosas palabras”, concluíu.

Sermos Galiza