• Número 374
  • 04 de decembro de 2017

Ensino

O ensino privado en centros relixiosos recibe o dobre de diñeiro público que nos laicos

No caso do ensino privado universitario, o beneficio corrente ascendeu a 210 millóns de euros.

O ensino privado non universitaria obtivo un resultado positivo de 385 millóns de euros en 2014-2015. Os ingresos correntes que percibiron os centros educativos privados non universitarios situáronse nos 10.963 millóns de euros, dos que o 69,2% procedían da Administración Pública.

No caso do ensino privado universitario, o beneficio corrente ascendeu a 210 millóns de euros. Neste caso, os ingresos correntes ascenderon a 2.022 millóns de euros, dos cales o 54,2% procedían da Administración Pública. Deste xeito, a educación privada obtivo en total uns beneficios correntes de 595 millóns de euros durante o curso escolar 2014-2015.

Son algúns datos da Enquisa de Financiamento e Gastos do Ensino Privado 2014-1015 que esta semana fixo públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE). As maiores porcentaxes de achega pública respecto ao total de ingresos correntes rexistráronse nas cidades autónomas de Ceuta (un 93,6%) e Melilla (un 80,1%). Pola contra, os niveis máis baixos déronse en Comunidade de Madrid (38,1%) e Canarias (39,1%).

As comunidades con maiores porcentaxes de cotas de alumnos respecto ao total de ingresos correntes foron Comunidade de Madrid (o 58,6% dos ingresos correntes, 2.715 euros por alumno), Canarias (o 56,8%, 2.122 euros) e Catalunya (o 48,6%, 2.475 euros). Pola contra, presentaron menores proporcións de cotas abonadas polos fogares Estremadura (o 17,3% dos ingresos, 490 euros por alumno) e as cidades autónomas de Melilla (o 13,7%, 380 euros) e Ceuta (o 6,1%, 172 euros).
Liña ascendente

O detalle dos resultados mostra ademais que os centros relixiosos de ensino non universitario (concertados e non) recibiron case o dobre de ingresos procedentes da Administración Pública que os laicos. Deste xeito, os colexios relixiosos concertados e non concertados ingresaron 3.912 millóns de euros (3.905 os concertados e case 7 millóns os non concertados) mentres que os laicos recibiron 2.034 (a suma de 1.991 millóns para laicos concertados e 43 para laicos non concertados).

A liña, ademais, é ascendente se se compara coas anteriores enquisas. Os colexios relixiosos recibiron no ano 2004-2005 2.875 millóns procedentes de subvencións pública e 3.874 en 2009-2010. Entre estes dous últimos períodos, o incremento tamén foi de mil millóns de euros na educación concertada: os colexios relixiosos concertados pasaron de recibir 2.854 millóns en 2004-2005 a 3.846 millóns en 2009-2010.

No caso do ensino universitario, os ingresos correntes procedentes de transferencias correntes públicas (subvencións ou doazóns) ascenden a 77 millóns entre estudos de Grao, mestrados ou doutoramentos e estudos propios.

Segundo un informe da organización Europa Laica, os centros privados concertados pertencentes a institucións relixiosas son aproximadamente o 65% dos centros concertados en España e acollen ao 75% dos alumnos da concertada.

Universidade privada: o dobre de alumnos nos estudos máis caros

Un dos datos máis rechamantes da enquisa é o aumento de alumnos universitarios, que creceu un 33,6% respecto ao curso 2009-2010. Por nivel, cabe destacar que as matriculacións en mestrados e doutoramentos duplicáronse, como sinala o INE, a pesar de ser os estudos privados cun custo máis elevado.

Desde o punto de vista dos fogares, a educación privada universitaria supuxo un custo medio de 5.402 euros para estudos de grao, de 7.828 euros para mestrados e doutoramentos e de 2.889 para estudos propios.

Os resultados correntes por alumno baixaron neste caso un 14,2%, situándose en 618 euros. Este descenso foi froito dun crecemento do 14,2% dos gastos correntes, maior que o incremento do 10,4% dos ingresos correntes. Os estudos de grao foron os únicos que aumentaron os seus resultados correntes (en 92 euros por alumno).

Os estudos de grao aumentaron as súas cotas en 843 euros por alumno e os mestrados e doutoramentos en 553 euros. Pola contra, as cotas dos estudos propios baixaron en 1.326 euros por alumno.

O Salto