• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

SECA

A Coruña súmase a Vigo e aplica medidas de aforro de auga pola seca

Para saír da situación de alerta por seca tería que chover 700 litros en dous meses

A Mesa Metropolitana da Auga da Coruña acordou este venres aplicar medidas de aforro do subministro ante a situación de seca nos concellos da comarca. Deste xeito, a área coruñesa súmase ás medidas tamén activadas en Vigo, que adoptou o plan municipal de emerxencia para situacións de seca na súa fase de alerta (subministración para 100 días) e non descarta poñer en marcha en decembro a fase de escaseza severa (subministración para 70 días).

A concelleira de Medio Ambiente da Coruña, María García, participou este venres, xunto con representantes técnicos e políticos dos municipios integrados na Mesa Metropolitana da Auga, na reunión na que se acordaron as primeiras medidas de aforro ante a prolongada situación de seca, entre as que se conta a decisión de aplicar, a partir da próxima semana, restricións nos usos da auga en espazos públicos e a redución na medida do posible do consumo innecesario.

Dado que as choivas dos últimos días aínda non foron suficientes para recuperar o caudal dos ríos Mero e Barcés, e o nivel do encoro de Cecebre baixou esta semana ata o 39%, os representantes conclúen que é o momento de que "todas as poboacións que se abastecen del adopten medidas, de xeito conxunto e responsable".

MEDIDAS

Así, nos próximos días comezarán a aplicarse unha serie de medidas do Plan de Seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (DOGA 07/10/2013), como son a restrición do consumo en fontes ornamentais e elementos similares, a eliminación do baldeo de rúas para a súa limpeza, a redución dos regos públicos e privados –dado que a actual situación de humidade ambiental permite racionalizalos–, o control de consumos en edificios e instalacións municipais e control das perdas da rede de abastecemento, para detectalas e minimizalas.

Estes son os primeiros pasos para afrontar unha "situación de excepcionalidade", remarca o Concello da Coruña. Serán necesarios un mínimo de tres meses de choivas regulares para recuperar as reservas de Cecebre

Tal e como quedou patente durante a xuntanza, "é necesario, pois, emprender accións para aumentar o máximo posible a duración dos recursos hídricos dispoñibles, aínda cando as previsións meteorolóxicas permiten un certo optimismo", engaden.

Para iso, é precisa a axuda de toda a cidadanía, polo que desde a Mesa Metropolitana faise tamén un chamamento ao consumo responsable nos fogares e negocios.

​Por outra banda, o persoal técnico de Emalcsa xa a está a traballar noutras solucións por se a alerta por seca decretada por Auga de Galicia o 3 de outubro chega a converterse nunha emerxencia, co obxectivo de evitar as restricións do servizo domestico e empresarial.

Galicia Confidencial