• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Sanidade Pública, mobilización

Chaman a unha gran protesta para a vindeira semana contra a privatización da sanidade

A privatización de servizos fundamentais, como a hostalería, limpeza, lavandería, mantemento, ambulancias ou probas como densitometrías, diálise ou rehabilitación, fan que o 25 % da Sanidade Pública estea xa en mans privadas

A privatización de servizos fundamentais, como a hostalería, limpeza, lavandería, mantemento, ambulancias ou probas como densitometrías, diálise ou rehabilitación, fan que o 25 % da Sanidade Pública estea xa en mans privadas. Tamén a precarización das condicións laborais, abandono da atención primaria e do seu persoal ou demoras nas citas para consultas. Son algunhas das principais causas polas que a Agrupación de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) convoca a unha gran manifestación en contra da privatización da sanidade pública que terá lugar o vindeiro sábado, 18 de novembro.

Esta entidade denuncia a situación "lamentable" na que se atopa a sanidade pública, con "material que escasea, está obsoleto ou roto, e onde de maneira sistemática non se cubren a totalidade das baixas, o que ocasiona unha deficiente atención". Unha "precarización" de medios que provoca, din, "que os doentes colapsen as urxencias, tanto de PAC como hospitalarias, pola demora nas citas para consulta". "O evidente abandono da poboación rural e a eliminación de Áreas Sanitarias fundamentais, empeora a xusta atención aos pacientes e os divide en pacientes de primeira e pacientes de segunda", engade.

Entre as razóns esgrimidas para esta protesta tamén está a proliferación e expansión das clínicas concertadas e a desgravación dos seguros médicos privados. Tamén a perda de poder adquisitivo dos profesionais sanitarios, a redución de libranzas, a alteración aleatoria e arbitraria do calendario vacacional, a paralización da carreira profesional, ou a falta de apoio e escoita activa por parte da administración. "Situacións que están a converter ao persoal sanitario en persoas desmotivadas", di.

"Derivación" da pública á privada

"Con isto explícase a cantidade de cartos que se derivan a centros concertados, en detrimento dos públicos, onde en moitas ocasións quen os dirixen son os mesmos que tiveron papeis relevantes no goberno. A intención é dar cabida no negocio da sanidade á Fundación IDIS e á patronal ASPE, que agrupa a a todos os hospitais privados de España", engade.

Por iso, chaman aos galegos a participar nunha gran manifestación o vindeiro 18 de novembro co lema “Non á destrución da sanidade pública galega". "Chamamos á poboación e a todas as organizacións sociais, políticas e sindicais a secundar e participar nesta mobilización e a aquelas plataformas e sindicatos que non o fixeron aínda, pedímoslles que reflexionen nas súas formulacións e se unan, porque só con unidade podemos gañar esta batalla", suliña a entidade.

Concerto solidario en Viveiro

Por outra banda, a entidade Somos Unha Área Viveiro, coa colaboración do Concello de Viveiro e do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, organizaron un concerto en defensa da Sanidade Pública este xoves. 

"A Sanidade Pública da Mariña atópase nun momento crucial coa proposta dun cambio de modelo do mapa sanitario encamiñado cara á centralización das prestacións sanitarias en Lugo e cara á privatización. Sen probas obxectivas que o avalen e sen escoitar a profesionais e cidadáns", critica esta entidade.

Galicia Confidencial