• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

OCU

OCU advirte do perigo da exposición ao gas radon e esixe medidas para solucionalo

Galiza, unha zona das máis expostas a este mortífero gas

A Organización de Consumidores e Usuarios puxo en marcha unha campaña para concienciar e esixir medidas de control contra o radon, un gas radioactivo incoloro, inodoro e insípido que procede do uranio que conteñen certas rochas da cortiza terrestre.

OCU advirte do perigo deste gas xa que, ao emanar do subsolo, acumúlase no interior de lugares pechados como as vivendas. As moléculas nas que se descompón este gas únense a partículas que, ao ser inhaladas, quedan retidas no aparello respiratorio, producindo alteracións moleculares que poden provocar cancro de pulmón.

Segundo a OMS, o gas radon é o segundo factor de risco máis importante para o desenvolvemento de cancro de pulmón en fumadores e o primeiro en persoas non fumadoras, sendo o responsable de entre o 3 e o 14% deste tipo de cancro en todo o mundo. Tendo en conta a mortalidade por cancro de pulmón en España (21.210 casos en 2014), no noso país equivalería a un total entre 600 e 2.900 mortes ao ano.

Co fin de concienciar a toda a poboación sobre esta problemática e de esixir ás autoridades que tomen medidas para mitigar a exposición ao gas radon, a Organización de Consumidores e Usuarios lanzou esta campaña no marco da transposición da norma europea, que debe estar aprobada antes de febreiro de 2018.

OCU lembra que, a pesar de que pode existir radon en calquera ambiente, en España hai lugares con maior nivel de concentración que outras: a serra de Madrid, o sur e o oeste de Castela e León, o norte de Estremadura e Galicia son as zonas máis afectadas. Nesta comunidade, ata o 20% das vivendas poderían presentar concentracións deste gas tóxico por encima dos límites recomendados.

En canto ás vivendas, OCU advirte de que, se a concentración de gas radon supera os 300 Bq/m3, o que normalmente sucede en terreos ricos en granito, podería supoñer un problema de saúde para os que a habitan. Para pescudalo, OCU recomenda medir a concentración real acumulada no fogar a través dun medidor de radon.

Mentres se establece unha normativa que regule esta materia, OCU lembra aos posibles afectados as seguintes medidas para diminuír a concentración do gas nas vivendas:

Extraer o gas: directamente do terreo antes de que se introduza na vivenda. Para iso pódense escavar unha ou varias arquetas baixo os cimentos da casa que atraerán este gas pola diferenza de presión. Cada arqueta vai conectada a un tubo de PVC cun ventilador que axude a extraer o radon atrapado. O prezo oscila moito segundo as vivendas, pode alcanzar os 4.000 euros, aproximadamente.

Colocar unha barreira instalando rolos multicapa estancos ao radon, normalmente de poliuretano. O ideal é colocalos debaixo da soleira da casa mentres se constrúe. Se xa está construída, poden poñerse sobre o chan, pero non son tan efectivos polo solapamento. Prezo: uns 1.000 euros. Outra forma de barreira, máis básica, é selar as gretas visibles con silicona acrílica.

Ventilar: non é unha opción suficiente cando os niveis de radón son altos, pero abrir portas e xanelas sempre axuda a sacar o gas ao exterior. Con 10 minutos ao día debería bastar para reducir os niveis de radon á metade. Tamén é recomendable deixar algunha xanela minimamente aberta no soto ou o garaxe.

Que pide OCU a través desta campaña?

·         A creación dun plan nacional e autonómico que contemple o radon como un problema de saúde pública, con accións e campañas de sensibilización tal e como se fai co tabaco ou as drogas.

·         Inclusión no Código Técnico de Edificación medidas de prevención e mitigación do problema de radon tal e como recomendan todos os organismos internacionais. Como, por exemplo, que se estableza un nivel máximo de radon en vivenda nova de 100 Bq/m3.

·         Impulso de normas que permitan identificar facilmente o problema, xa sexa para certificar a presenza ou ausencia de radon cando se venda unha vivenda ou para desenvolver novos mapas máis detallados e accesibles.

·         Implantación duns protocolos de medición do radon e un sistema de certificación de empresas de medición, así como daquelas que se dediquen á actuación sobre a vivenda.

·         Transposición da directiva europea canto antes para dispoñer dunha lexislación dos niveis máximos admisibles (300Bq/m3) en ambientes interiores tanto particulares como con alta permanencia de público (hospitais, colexios) que asegure unha exposición segura.

Para máis información (medios de comunicación): Teléfono: 91 722 60 61 - prensa@ocu.org

www.ocu.org

Campaña. Documentación

O gas radon: unha ameaza real