• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

CUT - Sección Sindical da Consellería de Política Social

Situación do Comité de Empresa da Consellería de Política Social da Coruña

Unha nova traizón dos sindicatos maioritarios

Despois das últimas eleccións sindicais conformouse un Comité de Empresa composto por 7 delegadas/os en representación da CIG, 6 delegadas/os en representación de CC.OO, 5 delegadas/os en representación da UGT, 4 delegadas/os en representación da CSI-CSIF e 1 delegada en representación de CUT.

O Comité de Empresa desde hai tempo mostra unha inactividade que exaspera a gran parte do colectivo que ve que se enquistan situacións de agravios continuados sen que o órgano de representación dea sinais de vida vehiculizando a resposta colectiva.

Esta situación chegou ao límite da irracionalidade ao se producir o cese do presidente e da secretaria na reunión extraordinaria convocada o pasado día 9 de novembro, sen que os sindicatos maioritarios asuman o compromiso adquirido nas eleccións sindicais nomeando substitutos neses postos de responsabilidade. Por un lado dimiten pero por outro non teñen alternativas aos respectivos ceses.

Diante desta circunstancia a representante da CUT no Comité de Empresa propuxo a realización de novas eleccións que posibilitasen a presenza de compañeiras/os con ánimo e desexo de exercer a tarefa de representación do colectivo. Rexeitouse esta alternativa. Descabézase o órgano de representación pero non se quere deixar paso a outras traballadoras/es que collan o relevo.

Se esta irresponsabilidade dos sindicatos maioritarios sería transcendente en calquera momento, o cese prodúcese, ademais, nun momento no que, entre outras cousas está enriba da mesa a negociación das carteleiras do ano 2018. Ao cadro de quendas presentado pola administración pódese presentar emendas até o día 23 deste mes. Nesta situación que mostra unha clara debilidade da representación colectiva, diante dun interlocutor que sempre se mostrou implacable cas traballadoras e traballadores, será moito máis difícil a “negociación”.

A Sección Sindical da CUT da Consellería de Política Social da provincia da Coruña reunirase esta semana para avaliar a situación e preparar alternativas.