• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Mobilizacións na xustiza

Os sindicatos do sector da Xustiza ameazan con ir á folga en decembro

Esixen que se recuperen as 106 prazas amortizadas nos últimos anos//Ven discriminación co resto do Estado

Os sindicatos da Administración de Xustiza de Galicia están fartos de esperar a que a Xunta dea un paso atrás nos recortes realizados, e se recuperen as 106 prazas amortizadas e os soldos. Por iso, convocan para o 16 de novembro concentracións nas sete grandes cidades, para os días 1 e 13 de decembro unha folga, e se non hai resposta, para finais de xaneiro, folga indefinida.

O día 6 celebrouse no partido xudicial da Coruña a primeira das asembleas informativas que se desenvolverán nas outras seis principais urbes galegas. Na mesma, os representantes sindicais explicaron a situación actual do sector na comunidade autónoma e a discriminación que existe coas demais.
“Estes recortes só os sufrimos os funcionarios galegos, non os hai de similar calado en ningún lugar do Estado”, expresa Pablo Valeiras, portavoz sindical na asemblea coruñesa. “O presidente Feijóo dicía que non se lle podían pedir máis esforzos aos empregados públicos porque tiveran moitos recortes e unha semana despois de gañar as eleccións, cada traballador sufriu outro de 4.000 a 5.000 euros anuais nos últimos catro anos”, dixo.
Tamén denuncia que os traballadores enfermos con baixa laboral con informe médico, “teñen un desconto do 50% do soldo”. Por outra banda, o representante sindical lembra que a Xunta amortizou nos últimos anos 106 prazas –o 5% das que hai no sector da Xustiza–, o que afecta máis “as audiencias provinciais, nos xulgados de paz e nos do contencioso-administrativo, e repercute na atención ao cidadán”, sinala.