• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Lingua - A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa solicita aplicar a ordenanza de uso da lingua galega na Deputación da Coruña

Solicita que se axilice o cumprimento efectivo da ordenanza

A Mesa pola Normalización Lingüística pídelle á Deputación da Coruña que faga efectiva a ordenanza de uso da lingua galega que a propia institución aprobou o 15 de setembro de 2017.

A petición da Mesa realízase tras detectar que existen certos departamentos dependentes da Deputación da Coruña que seguen a utilizar de maneira exclusiva o castelán, chegando até o punto de non facilitar documentación ou atención en galego a pesar de ser solicitada.

A Mesa ten constatado que se incumpre o artigo 3.1  da ordenanza na que se expón que todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.

Do mesmo xeito, desde a entidade en defensa e promoción da lingua temos recibido queixas en relación ao incumprimento do artigo 4.3 que recolle que todos os modelos de documentación da Deputación Provincial da Coruña serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego, así como do artigo 4.4 que se refire a documentos e acción no cal a solicitude dos interesados/as, os cidadáns/ás teñen dereito a elixir a lingua na que se dirixen á Deputación provincial.

Para o presidente da Mesa Marcos Maceira, “estas actitudes non deben producirse nunca pero que acontezan nunha institución pública pasando por riba dos dereitos lingüísticos da cidadanía e das propias normas legais aprobadas a nivel galego e provincial, é inadmisíbel” apunta.

Maceira valora positivamente a aprobación recente da ordenanza de uso da lingua galega, coa que a institución non contaba até o de agora, o que é indicativo do atraso de tres décadas acumulado pola Deputación coas súas obrigas en relación co galego. Tamén se valoran os pasos dados en materia de promoción, difusión e normalización da lingua galega mais solicita que se axilice o cumprimento efectivo da ordenanza.