• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Antifascismo

10 anos do asasinato de Carlos Palomino

O asasinato de Carlos Palomino é un dos 88 por motivos de odio que o Movemento contra a Intolerancia rexistrou desde 1990

11 de novembro de 2007. O partido de ultradereita Democracia Nacional convoca unha manifestación de corte racista no barrio de Usera. O seu lema: ‘Contra o racismo antiespañol, contra a inmigración’. A Delegación de Goberno de Madrid permitiu a manifestación racista. Colectivos antifascistas convocaron un contramanifestación. Cara alí dirixiuse Carlos Palomino, un mozo antifascista de 16 anos.

Así comezou a xornada na que Palomino perdería a súa vida, asasinado por Josué Estébanez de la Hija, un militar do Exército de Terra neonazi de 23 anos que se dirixía á manifestación convocada por Democracia Nacional –así o considera probado a sentenza sobre o asasinato emitida pola Audiencia Provincial de Madrid–. Palomino e Estébanez atopáronse na liña 3 de metro, á altura de Legazpi. Dentro do vagón, Josué sacou a navalla e asestoulle unha puñalada no corazón a Carlos. Sete centímetros de folla cravados no ventrículo esquerdo. Tras iso, empuxouno fóra do vagón. Tamén asesta outra puñalada a un compañeiro de Carlos nas costelas antes de fuxir coa arma na man.

"Foi practicamente cuestión de segundos e de súpeto estaba Carlos tendido no chan", explica Mónica Rojas, fotoperiodista que foi testemuña do asasinato. Rojas acudía a facer fotos á manifestación racista convocada por Democracia Nacional e coincidiu no mesmo vagón de metro no que ocorreu todo. "De súpeto, unha parada antes de chegar a Usera, o vagón empezouse a encher. e pronto pecharon as portas, pero o metro seguiu sen moverse. Ao pouco comezou a haber movementos raros e todo se encheu de fume", relata Rojas. Para entón, Estébanez xa apuñalara a Carlos e ao seu compañeiro, e saíra correndo. "Cando saín do vagón, a primeira pisada que dei foi sobre sangue, e vin que Carlos estaba moi preto no chan xunto a unha moza que o auxiliaba e outro mozo que chamaba para que viñese unha ambulancia. Eu pensaba que estaba ferido, pero non de morte".

Carlos morreu no número 145 do Paseo das Delicias, nunha carpa montada polos servizos de emerxencia. Desde o 13 de maio de 2016, unha placa situada neste mesmo punto lembra o seu asasinato. Antes dese ano, polo menos en catro ocasións, compañeiros do mozo colocaron placas no seu recordo na boca desta parada de metro, pero en todos os casos foron saboteadas por grupos fascistas. 

Josué Estébanez foi condenado, en outubro de 2009, a 26 anos de cárcere. Na sentenza, o tribunal daba por probado que o neonazi tiña a intención de matar. A sala impúxolle 19 anos de cárcere por asasinato e sete anos máis por intento de homicidio.

O asasinato de Carlos Palomino é un dos 88 por motivos de odio que o Movemento contra a Intolerancia rexistrou desde 1990, recollidos polos xornalistas David Bou e Miquel Ramos no traballo Memoria de 25 anos de esquecemento.

Hoxe, ás 20h, unha manifestación convocada pola Coordinadora Antifascista de Madrid, que marchará desde Usera ata a praza de Santa María da Beata, en Legazpi, renderalle homenaxe baixo a lema “Carlos, 10 anos sen ti, 10 anos contigo”.

Na Coruña á mesma hora, convocada por Acción Antifascista convocouse unha concentración no Obelisco.

O Salto