• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Oficina de dereitos sociais Coia

A Xunta incumpre o prazo para o pagamento das axudas para menores de 3 anos

A axuda consiste nun pagamento único de 360€ para aquelas familias que teñan un fillx menor de 3 anos e que non fixeran a declaración da renda.

Dámoslle pulo a un texto que nos chegou nestes días, no que varias familias galegas denuncian os atrasos no pagamento, por parte da Xunta de Galicia, das axudas para menores de 3 anos.

A axuda consiste nun pagamento único de 360€ para aquelas familias que teñan un fillx menor de 3 anos e que non fixeran a declaración da renda. O prazo marcado na orde xa expirou, porén moitas familias seguen a agardar polos cartos atopando na consellería de Política Social silencio ou mentiras.

Achegamos a orde que regula esta prestación > Orde do 24 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2017.

Partillamos o texto recibido:

"Ola ,boas tardes...

Escribo este email no meu nome e no de centos de mulleres e homes, poderiamos ser miles pero no grupo que temos somos algunhas menos.

Queremos facer un chamamento á Xunta de Galicia, unha queixa /reclamación...!!

Somos perceptoras dunha axuda de fillo menor a cargo de 3 anos, a convocatoria saíu no BOE o 3 de abril do 2017 e pechábase o prazo o 30 de maio do 2017, ben, vímonos obrigadas a facer un grupo para facer unha queixa colectiva xa que a día de hoxe pasando dos 5 meses que teñen de prazo para que obteñamos resposta, seguimos co mesmo problema! non cobramos a axuda!

Evidentemente somos persoas que necesitamos ese diñeiro para pagar as nosas facturas mesmo somos persoas que deixamos de facer a declaración voluntaria da renda por uns centos de poucos de euros para poder obter esta axuda(requisito para poder acceder a ela) e agora non temos nin unha cousa nin outra ,non só é que non esteamos a cobrar a axuda senón que estamos a perder diñeiro...

A finais deste mes pescudamos que pagaron a unhas poucas persoas, polo que tanto as demais persoas como eu puxémonos en contacto reiteradamente coa Xunta de Galicia obtendo ningunha aclaración ás nosas preguntas mesmo malas contestacións, só amenten e a cada unha dinnos unha cousa diferente desde que pagarán en 2 semanas como un mes como o outro mes e como o outro mes, ao final van pasando os meses e non cobramos, cremos e denunciamos que os prazos están para cumprilos, somos familias que necesitamos ese diñeiro e que repito, perdemos doutra banda para poder acceder a esta axuda, pedimos por favor se faga público para que deixen de tomarnos o pelo e para que polo menos teñan o respecto de darnos unha data concreta xa que desde hai meses véñennos dicindo que pagarán para outubro novembro decembro e agora alóngase mesmo ata xaneiro ou febreiro, pedimos axuda e por iso acudimos a este medio!

De verdade que para todas as familias que o denunciamos é unha desesperación non saber cando poderemos pagar as nosas facturas. Por favor indíquenos que debemos facer para que nos axudedes, Saúdos".