• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

REMUNICIPALIZACIÓN

A batalla da auga en Ferrol

A auga e o sanaeamento non é un negocio, é un dereito humano

Pasaba en Setembro de 2015

Comezando a facer o proposto e ser consecuente co Programa

Naquel tempo, segundo ten recollido á xornalista Rocio Pita Parada na Voz de Galicia do 08.09.2015, e con máis detalle (Redactadas polo gabinete de comunicación), poden-se atopar na propia web do Concello[1], estas eran as palabras de Jorge Suárez moi ben sintetizadas pola mencionada xornalista: "O Concello de Ferrol nega-se a asumir a responsabilidade sobre a depuradora de Cabo Prioriño e as súas deficiencias, e impugnará o convenio con Augas de Galicia mediante o que asumiu as competencias da súa xestión e explotación". O alcalde, Jorge Suárez, anunciaba esta medida hai dous anos, e dicía que "levaría ao Consello de Administración de Emafesa a anulación da encomenda de xestión que realizou en favor deste ente, para facerse cargo do funcionamento da EDAR. Alí pediría o «cambio de xestor» de Emafesa, por considerar que se incorrera en «responsabilidades de xestión graves»"; é dicir, hai dous anos, "pedía a destitución do actual xerente, Alejandro Pisa". O rexedor consideraba que "debería ser Augas de Galicia, que recibiu as infraestruturas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil en maio do 2014, ou este organismo estatal os que asumiran a reparación das gretas e fisuras comunicadas por Emafesa en xuño deste ano nesta infraestrutura".Ademais, no pleno extraordinario que se celebraba o venres 18 de setembro de 2015 , o goberno local levaría "a aprobación a derrogación da ordenanza da taxa do saneamento, por considerar que en ningún momento se produciu o feito impositivo que se gravaba: a depuración das augas residuais". Así, non se pasaría ao cobro o recibo que estaba previsto para ese mes. E "prometía estudar como se devolverían os ao redor de 800.000 euros xa abonados polos ferroláns polo primeiro recibo". Suárez sinalaba que "si se facía unha devolución directa ou a través do recibo, dependería do que recomendaran os informes xurídicos".

As hemerotecas están cheas de noticias e declaracións como esta, na propia páxina web do Concello fai unha referencia explicita a este asunto e anuncian compromisos, totalmente incumpridos [08.09.2015 | 10.08.2015 | 13.08.2015 | 18.08.2015 | 27.08.2015 | 28.08.2015 | ]. Nos Plenos do 30 de xullo, o 27 de agosto e o 18 de  setembro de 2015, acordaron-se medidas concretas cara a remunicipalización,

Denuncian a fraude dunha depuradora que non depuraba

Destacada foi a comparecencia do 28 de agosto, das 11 concelleiras e concelleiros de Ferrol en Común e PSdeG-PSOE, que conformaban o goberno local, logo da visita á estación depuradora de Prioriño, uns días antes (25 de agosto de 2015), onde se dixo publicamente que se destapaba unha fraude á veciñanza na EDAR de Prioriño, onde non se depurara integramente nin un metro de agua desde 2014. Que foi na mencionada visita sorpresa a EDAR, que construíu Dragados (Daquela empresa do mesmo grupo empresarial ACS) e que xestionaba Urbaser (Socamex) a través dunha encomenda a Emafesa (en forma de Protocolo de Xestión elaborado polo bufete de avogados Lama&Asociados), que se aprobou no pleno en maio do 2014. O alcalde, Jorge Suárez, cualificaba estes feitos de “extrema gravidade” e afirmaba que os poría en coñecemento do xulgado para que se dirimiran todas as responsabilidades administrativas e xudiciais que corresponderan. O Executivo local comprometíase a exixir a Urbaser a devolución da taxa, a anulación do seguinte cobro e as indemnizacións que se derivaran por esta grave irresponsabilidade e engano á cidadanía [+info].

As cousas parecía que ían polo camiño acertado, conforme ao programa electoral, ás propostas electorais feitas en campaña, ao programa de goberno polo que foi investido Alcalde, Jorge Suárez, e ao acordado no mencionado Pleno do 30 de xullo.

Pasa en novembro de 2017

Agora a política do goberno municipal de Ferrol está nas antípodas

Estes dous anos vimos observando, primeiro desde o estupor e logo desde a impotencia e frustración, como o goberno de Jorge Suárez non executou ningunha das medidas aprobadas ou prometidas. Nin un expediente á empresa, nin unha denuncia á fiscalía, nin a auditoría, nin un paso para a recuperación do servizo... E as ameazas da parte privada van facendo virar a situación até atoparnos diante dun pleno municipal convocado para recuperar a denostada Taxa do PP, e insuflar millóns de euros nunha empresa que mentiu (depuradora que non depuraba), puxo en risco a saúde da poboación (trialometanos), ocultou información... non ten contas nin actas aprobadas, e opera nunha infraestrutura sen base legal para elo.

O acceso á auga potábel e ao saneamento é un Dereito Humano

Debemos tomar consciencia da marabilla de ter acceso á auga, cousa que só nos lembramos cando nos falta. O 28 de xullo de 2010, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu explicitamente o dereito humano á auga e ao saneamento[2], reafirmando que unha auga potábel, limpa, e o saneamento, son esenciais para a realización de todos os dereitos humanos.

Xa non se verte á Ría, e dicían que non se podía

Desde o pasado mes de abril podemos comprobar como xa non se verten á Ría eses millóns de litros diarios de augas residuais. Vemos unhas augas claras e nos aledamos que por fin se deixara de contaminar, ao menos desde os sumidoiros. Mais o sistema de saneamento que nos impuxeron desde Madrid e a Xunta, é un sistema obsoleto que mistura augas fecais con augas pluviais, contradicindo o disposto na normativa básica de planificación PXOM. Enerxeticamente é moi caro. Os 12 tanques de tormenta, teñen que bombear até a estación impulsora, e esta ten que face-lo até Prioriño salvando unha altura de case 50m. Os días de chuvia, os tanques van verter directamente á ría. Con planificación e vontade política, podería-se ir transformando para que fora eficaz, menos custoso e máis sostíbel. Mentres, habería que aplicar protocolos de control que evitasen os vertidos indiscriminados.

Principio de recuperación de custos, participación e transparencia

A Directiva Europea Marco da Auga[3] di que pretende protexer e mellorar o estado das augas e a súa sustentabilidade. O artigo 9 da Directiva considera a importancia de ter en conta o principio de recuperación de custos, polo que os prezos contribuírían a conseguir obxectivos ambientais, de uso e calidade. Servirían para protexer e mellorar a saúde das persoas e o medio natural. Os prezos deberían servir para recuperar os custos de abastecemento, saneamento e depuración. Nisto se basean as administracións para poñer taxas ou canons. Mais tamén di que para poder aplicar este principio, torna-se necesaria mellorar a transparencia na información sobre custos e prezos, é dicir, qué se paga, e quen o paga e como. Que a veciñanza ten dereito a coñecer o que realmente custan os servizos da auga e o que verdadeiramente teñen que pagar por devanditos servizos. A directiva sinala que os poderes públicos teñen o deber de dar a coñecer dita información e abrir espazos de participación. Son as normativas e as diferentes administracións as que teñen que garantir esta información, a transparencia e a participación. Levamos innumerábeis peticións de documentación, miles de firmas para Audiencia Pública, miles de recursos, peticións para que se respecte a lexislación en materia de participación e o Alcalde fai ouvidos xordos ante as nosas peticións transgredindo as elementais normas que permiten a participación cidadán.

A xestión da auga como negocio aos ollos das corporacións económicas

Mais, no que era un dereito humano, un ben común escaso, os executivos das grandes corporacións empresariais viron un millonario volume de negocio. Interviron cos seus lobbys para que se lexislara facendo dun servizo público, un grande negocio. Empresas privadas ou mixtas, mais sempre xestión privada 100%. Ao longo do tempo descubriu-se unha grande fraude na xestión privada, e ía acompañada de corrupción e numerosas irregularidades en innumerábeis municipios de todo o Estado. Mesmo as empresas privadas intervindo a xestión pública, a través de comisións, para a subcontratación de servizos e subministros.

Opacidade e mala xestión de Emafesa

Levamos 17 anos de Empresa Mixta Augas de Ferrol, SA, empresa que comezou impoñendo a súa vontade con cambios nos Estatutos societarios que houbo que repoñer, mentido e enganando. Investimentos comprometidos que nunca se chegaron a facer, condenada polo Tribunal de Contas.... Todas as alarmas saltaron, coa entrega irregular da xestión da depuradora a EMAFESA. Aumentar o volume de negocio da parte privada, cando dis que a vas a denunciar e que queres desprenderte dela, como xestora do ciclo integral da auga, non cadra, a non ser que se estea mentindo. Coñecemos cal é o papel desta empresa que non só puxo en perigo a nosa saúde coa crise dos trihalometanos, se non que, como ten denunciado ante a fiscalía esta Plataforma, cobrou unha taxa indebida, por un servizo que non se prestaba. A maiores, participou nun engano intencionado con publicidade, xunto ao anterior goberno de José Manuel Rey Varela, anunciando que a depuradora estaba funcionando, cando a verdade era que non se depuraba, vertendo diariamente e perante un ano, millóns e millóns de litros de auga contaminada ao mar. A opacidade nas contas e na xestión son unha das características desta empresa, que agora acumula perdas millonarias. O intento de utilización da Taxa como aval bancario para obter novo crédito; chantaxe co concurso de acredores e de disolución; fai que o problema que supón para a poboación de Ferrol a existencia de EMAFESA, secuestrada pola parte privada SOCAMEX-URBASER-FIRION INVESTMENTS, se perpetúe no tempo e signifique unha sangría continuada de recursos familiares e recursos públicos en Ferrol.

Un sistema de depuración sen garantías xurídicas

A entrega a esta empresa do sistema de depuración, non ofrece garantías e está na dirección oposta ao que debera ser un proceso de remunicipalización deste servizo. A maiores, Augas de Galicia, até o momento única responsábel da EDAR de Cabo Prioriño e do resto do sistema de depuración, ao entregar a unha empresa mixta, polo tanto, empresa que se rexe polo dereito privado, ao menos, na práctica, actúa como unha entidade non suxeita á Lei de Contratos Públicos, como calquera empresa privada, e polo tanto,a xestión dun servizo sen aplicar o principio de libre concorrencia, suporía incorrer nunha causa de nulidade de pleno dereito. Na mesma situación podería encontrarse o Concello de Ferrol, asinando un novo Convenio de Colaboración con Augas de Galicia, onde se formaliza a encomenda de xestión... e a súa vez mantendo irregularmente o Protocolo de Execución onde se lle outorga a EMAFESA a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración. Protocolo que caducou co propio Convenio de Colaboración de 2014 (Encomenda entre Augas de Galicia e Concello) que lle daba cobertura legal. Convenio que caducou o 9 de xuño de 2016. Como mínimo a irregularidade é a norma.

A Plataforma persiste nas súa reivindicacións

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, reitera as súas demandas e reivindicacións e exixe ao goberno municipal que ante os continuos incumprimentos por parte da empresa mixta EMAFESA, e ante as irregularidades no corpo contractual, faga unha auditoría real sobre a xestión e a situación económica financeira da Empresa; inicie o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015; denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsábel, a Xunta de Galicia, a través da empresa Augas de Galicia, até que se cre un sistema supramunicipal de xestión (Como Edar Bens, empresa pública dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros), como así está establecido; devolva os 800 mil euros da taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

  • Alexandre Carrodeguas | 690612737
  • Fernando Ramos | 622932443
  • Pablo Portero | 659855805
  • Bernardo Rego | 603772650
  • Lupe Ces | 652201003

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es

Notas.-

[1] O Goberno local encarga unha auditoría externa a Emafesa para elevar a denuncia ante a Fiscalía. | O socio privado ocultou unha visita de Augas de Galicia a EDAR o 1 de setembro, na véspera do anterior Consello de Administración. Socamex-Urbaser oponse a cesar ao xerente pese as gravidade das irregularidades das que adoece a xestión do servizo municipal da auga. Pola súa banda, o Goberno levará a pleno a derogación da taxa de saneamento o vindeiro 17 de setembro (Logo celebrou-se o 18 de setembro). | 08.09.2015 - Web Oficial do Concello. | Ir á Web.

[2] Resolución aprobada pola Asemblea Xeral o 28 de Xullo de 2010  - Asemblea Xeral 3 de agosto de 2010 - 64/292.  O dereito humano á auga e o saneamento.| Acceder/Baixar.

[3] Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello de Europa - 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da polÌtica de augas. -  22.12.2000 Diario Oficial das Comunidades Europeas | Ir á Web

Ártabra 21