• Número 371
  • 13 de novembro de 2017

Laboral

Radiografía da situación laboral en Galicia: menos salario e máis desigualdade laboral que en España

Un galego cobra entre 1.100 e case 2.300 euros menos ao ano de media que un español e máis de 5.000 euros menos que un europeo

Os indicadores económicos en Galicia seguen amosando que é un país pobre en relación co conxunto do Estado e que a sua situación socio-laboral está lonxe da media española e, moito máis, da media europea, a pesar das previsións de crecemento do Goberno galego. 

Así, e segundo un informe do Instituto Nacional de Estatística (INE), o salario medio mensual bruto en Galicia en 2016 sitúase en 1.787,3 euros, moi por baixo da media nacional de 1.878,1 euros, é dicir 91 euros mensuais menos e case 1.100 euros menos ao ano do que cobra un español.  

O INE explica que a estrutura produtiva existente nas comunidades autónomas "ten unha gran influencia sobre o seu nivel salarial".  Unha estrutura produtiva forte que non ten Galicia. Desta forma, as que tiveron unha maior concentración de salarios altos foron País Vasco (45,2% de asalariados con salarios por encima de 2.137,5 euros mensuais), Comunidade Foral de Navarra (39,2%) e Comunidade de Madrid (37,6%).

Tamén as comunidades con maior salario medio no emprego principal foron País Vasco (2.235,2 euros), Comunidade de Madrid (2.165,8 euros) e Comunidade Foral de Navarra (2.085,2 euros). Os menores salarios medios observáronse en Estremadura (1.613,0 euros), Rexión de Murcia (1.627,9 euros) e Canarias (1.631,8 euros).

Case 200 euros menos

Estes datos difiren con outro publicado en maio no V Monitor Anual Adecco. Segundo este informe, o salario medio galego é de 1.447 euros mensuais. En comparación coa media de España, de 1.636 euros, é un 11,6% máis baixo. Isto implica que un galego cobra 189 euros menos cada mes e 2.268 euros menos anuais. 

Esta diferenza implica que un asalariado medio en Galicia debe traballar todo un ano para obter o mesmo que un traballador medio de España percibe en menos de once meses. De acordo a este estudo o salario galego gañou un 0,2% de poder adquisitivo en 2016, o seu primeiro incremento no últimos cinco anos, a pesar de diminuír un 0,1% (unha perda de apenas 1 euro mensual), debido á variación dos prezos ao consumo, que o pasado ano baixaron un 0,3% en Galicia. 

En contraste, o salario medio ordinario bruto nos 28 países da Unión Europea é, en media, de 1.934 euros mensuais. Así, a remuneración media galega resulta un 25,2% máis baixa. En termos absolutos, a diferenza é de 487 euros ao mes, e de 5.844  ao ano. O salario medio de España, pola súa banda, é un 15,4% menor que o europeo, menos 1.636 euros ao mes.

Perda de poder adquisitivo

Segundo o informe, o emprego que se crea en Galicia é cada vez máis precario, os salarios perden poder adquisitivo e as mulleres galegas empeoran a súa situación relativa. A análise de UXT deduce que as reformas laborais “están detrás desta complexa realidade”.

A primeira constatación é que o emprego non está a crecer coa mesma intensidade que a economía, que o fai a un ritmo do  3,1%.  Como noutras saídas de crises anteriores, sinala o sindicato, os empregos que máis crecen son os temporais, situándose a taxa de temporalidade no 27,2% no último trimestre.

Tamén outro estudo do Grupo de Análise e Debate Colmeiro advertía de que a recuperación económica "beneficia máis aos homes que ás mulleres", xa que elas presentan unha menor taxa de actividade e de ocupación e, ademais, un índice de desemprego superior ao deles.

No 'Equigal Barómetro Galego de Equidade Laboral', un informe que terá carácter periódico sobre a evolución dos indicadores máis relevantes do mercado laboral feminino, os datos presentados, que corresponden ao último trimestre do 2016, indican "que, a medida que avanza a recuperación no emprego, o mercado laboral galego é menos equitativo".

Profesións e traballos

E nisto ten que ver as profesións dos galegos. A inmensa maioría da poboación galega, o 64%, non conta con formación específica, que vaia máis aló da básica. Son 1,5 millóns de habitantes dun total de 2,3 millóns de maiores de 16 anos, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Outros 192.000 residentes contan con preparación para os negocios, a administración e o dereito, que é o segundo grupo máis numeroso, por diante dos mecánicos, persoal da electrónica e outra formación técnica, incluída a industria e a construción (170.800).

Segundo estes datos, o desemprego afecta ao 17% dos galegos en idade de traballar. Fronte a esta media, os habitantes formados en agricultura, gandaría, pesca, silvicultura e veterinaria teñen unha taxa de desemprego do 7,57%; un 7,82% en ciencias sociais, xornalismo e documentación; do 7,96% en ciencias naturais, químicas, físicas e matemáticas; e o 9,31% en saúde e servizos sociais.

Xa por encima do 10% están: as tecnoloxías da información e as comunicacións (11,6%); os servizos (13,15%); educación (13,91%); negocios, administración e dereito (14,30%); e mecánica, electrónica e outra formación técnica (15,41%).

No máis alto do desemprego en Galicia, en comparación co total de activos con ese tipo de formación, aparecen, segundo o INE, aqueles que só teñen formación xeral (21,03%) e as artes, humanidades e linguas (22,2%).

A produción industrial non acaba de despegar

E, aínda que o Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) aumentou un 0,1% en Galicia en setembro, segue por debaixo da media do estado. De feito, o seu crecemento foi lixeiramente por baixo da media estatal, que creceu un 0,2% en relación ao mesmo mes de 2016.

Aínda que de media Galicia contabilizou un incremento no IPI, a taxa decreceu con respecto a 2016 no sector da enerxía (-10,3%) e os bens de consumo (-0,7%) --os bens de consumo duradeiro (-3,6%) e bens de consumo non duradeiro (-0,5%)--.

Tamén o número de sociedades mercantís creadas en setembro en Galicia ascendeu a 260, un 8,8% menos que en 2016, mentres que a disolución de empresas foi de 74, un 19,6% menos que no mesmo mes do ano anterior. Así se desprende dos datos que publicou este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan a Galicia por baixo da media estatal no descenso de creación de empresas, que experimentou un retroceso do 9,2%.

Galicia Confidencial