Xuñode 2010
 
 

28/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Toma de posesión do novo Reitor da Universidade de Santiago

 

A verdade é que, para nós, ten pouco interese a toma de posesión deste señor que representa aos sectores máis "carcas" da USC. O que nos parece de interese e sobre todo no momento en que estamos (negociación do plan de financiamento) é que saibades a posición que, ao respecto, manifestan as diferentes universidades de Galicia..

 

 

Juan Casares Long recibiu este venres o bastón de mando da USC de mans do seu predecesor, Senén Barro, que levou as rendas da universidade compostelá os últimos oito anos.

O catedrático de enxeñería química aproveitou o seu primeiro discurso como reitor aludindo ó novo plan de financiamento do sistema universitario galego - que deberá estar listo para entrar en vigor en 2011- e pedíndolle á Xunta que se contemple a especificidade da cinco veces centenaria institución académica e "atenda a cada un segundo os seus merecementos e as súas necesidades".

"Non está de máis que, en ocasión tan solemne, lles recordemos -ós representantes da sociedade- que a xustiza debe tratar a todos por igual, pero que ha de atender a cada un segundo os seus merecementos e as súas necesidades", expuxo Casares.

Escoitando as súas reivindicacións estaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Educación, Jesús Vázquez, e Sanidade, Pilar Farjas, amais dos seus homólogos vigués, Salustiano Mato, e herculino, José María Barja.

Nun discurso cheo de referencias á crise, Casares Long marcou como reto para o seu novo mandato a negociación dun novo plan de financiamento que se axuste á especificidade" da USC e ás súas "necesidades reais" para "poder dar unha resposta de calidade ás demandas da sociedade".

Pola súa parte, Casares ofrece a aposta "por unha xestión económica responsable, transparente e comprometida coa realidade social, centrada nos intereses da institución e que non comprometa o noso futuro, garantindo deste xeito a autonomía universitaria, buscando permanentemente a colaboración coas administracións públicas e coa sociedade civil".

Na mesma liña, o novo reitor asegurou que a universidade está experimentando un "proceso acelerado de cambio" e "mentres a base de coñecemento crece de forma exponencial, os recursos financeiros aumentan linealmente, no mellor dos casos, partindo dunha base de recursos limitados e escasos".

Así, recordou que o financiamento por alumno nas universidades de Norteamérica é "entre dúas e cinco veces a media das universidades europeas". "Se aspiramos a estar entre os mellores, temos que dispor de recursos comparables con eles, e a nosa historia recente, no que a financiamento se refire, atópase a metade de camiño da media europea", indicou Casares Long.

 

Feijóo comina a Casares e impulsar Campus Vida

O titular da Xunta, que só uns días antes instou a Salustiano Mato na súa investidura como reitor da Universidade de Vigo a facer "máis con menos", optou nesta ocasión por esquivar as referencias ó financiamento dos campus e preferiu enxalzar a USC como exemplo para imitar para encarar a crise e animou ao novo reitor a seguir traballando en favor do Campus Vida.

Alberto Núñez Feijóo destacou tamén o carácter da USC como "o berce do autogoberno", dado que nesta institución "foi onde fraguaron os desexos de autonomía" e de onde saíron os seus primeiros protagonistas, salientou o presidente.

Amais das reivindicacións económicas Casares Long comprometeuse na súa intervenciáon a "afrontar no inmediato futuro" a "elaboración, discusión e aprobación" dos novos estatutos da USC, así como continuar no camiño de incorporación de novos planos de estudos ó Espazo Europeo de Educación Superior.

A emoción de Barro e o suspenso en latín a Feijóo

A cerimonia, á que asistiron 500 persoas, parte das cales seguiron o acto nas pantallas da hemeroteca e dos corredores, regalou momentos de emoción e hilaridade.

O primeiro en tomar a palabra foi o reitor saliente, Senén Barro, que por un instante tivo que interromper o seu discurso, tras recordar o tempo res­tado á súa familia nos oito anos de mandato. "A min pariume esta universidade e todo mo deu no ám­bito profesional, aínda que no persoal me quitase tanto", dixo emocionado Barro.

Casares arrincou cos versos "Fagamos un trato" de Benedetti e pechou cos de Neruda para reforzar a súa idea de cambio (Hoxe é hoxe, onte foise, pero hoxe é tamén mañá). Tamén evocou o espírito do 68 na USC que coñeceu ó chegar a Santiago como estudante para subliñar a función social da universidade. "Ningunha institución fixo tanto pola adquisición dunha conciencia colectiva de Galicia como país", concluíu Casares neste punto. Na mesma liña, Feijóo subliñou a condición da USC de "berce do autogoberno", con Fonseca como sede do Parlamento preautonómico.

No campo máis persoal, Casares homenaxeou os seus antepasados: na súa árbore xenealóxica figura Gil Casares e Antonio Casares Rodríguez, o seu tataravó e reitor da USC de 1872 a 1888. Este foi a primeira persoa en obter luz eléctrica mediante arco voltaico en España e a súa relevancia científica tamén a lembrou Feijóo: cando faleceu, o alcalde de Santiago comunicouno por telégrafo ó seu Monforte natal. A noticia chegou no medio dun pleno municipal no que a alguén lle escapou un "fo­deuse a química" que, pre­via desculpa, reproduciu o presidente da Xunta pro­vocando a risa do público.

Feijóo tamén gañou algunha lixeira censura aca­démica desde a hemero­teca, onde no sector de humanidades se oíu algún resoprido cando o presidente esqueceu a lectura es­drúxula latina na súa "visión de Galicia como universi­tas". Pero a mensaxe de fondo soou clara e afagadora: "A universidade é o reflexo onde Galicia mira o mellor de si".

AS FRASES

Alberto Núñez Feijóo

"A USC é un oasis onde resisten os principios en tempos de crise. Nesta etapa de longa peregrinación necesítase unha equipaxe conceptual que a USC atesoura".

Juan Casares Long

"Hoxe faise realidade a ilusión polo cambio nunha universidade que, sen menoscabo das dúas que dela naceron é referencia indiscutible para a ciencia, o saber e a cultura"

Senén Barro Ameneiro

"Nin un só día me arrepentín de asumir a honra de ser reitor da USC e cada un deles sentinme moi afortunado. A intelixencia colectiva e o diálogo foron os meus piares"

 

Fonte: Galicia Hoxe

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript