Maio de 2010
 
 

14/06/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


 

 

               

Tras a reforma laboral,  PSOE está só e sen rumbo
O PSOE quedou só na aprobación dunha reforma laboral que permite despedimentos máis baratos. Resulta que ao final Zapatero está a facer xusto o que dixo que nunca faría e sempre criticou: recortar o soldo dos funcionarios, conxelar as pensións e abaratar o despedimento.
Di o presidente do Goberno que non dá "bandazos". E como se pode cualificar a actitude de quen prometeu non facer recortes sociais pero que está a efectuar o maior recorte social da democracia? De quen asegurou que nunca tocaría as pensións e as conxelou ou que nunca gobernaría con decretazos cando agora é o que está a facer?
O PSOE está cada vez máis só no Parlamento e na sociedade, e dá a impresión de ter perdido o rumbo e os seus principios.



Perdemos a oportunidade de cambiar as regras
Ao mirar un período da nosa historia máis recente non podo evitar pensar que perdemos unha oportunidade histórica: a de enfrontarnos aos que nos enganaron, a de non dicir a verdade por medo, non nos solidarizar cos outros, non nos horrorizar ante un presente desgarrador para a inmensa maioría. Perdemos a oportunidade de demostrar que o ser humano era capaz de aprender algo do seu pasado. Pero non importa, seguiremos oíndo os
berros a través do televisor e baixaremos o volume. Unhas cantas gravatas seguirán marcando os pasos do mundo e andaremos detrás, nunha única dirección. Seguiremos vendo cunha pasividade infranqueable como as relacións humanas están determinadas polo diñeiro.
A pesar de todo, aínda estamos a tempo: reinventemos o mañá e fagamos unha homenaxe a Saramago: " A que espera a esquerda?".



Socializar as perdas, privatizar os beneficios
Ao gobernador do Banco de España non lle gusta a idea de poñer un imposto á banca para que os estados poidan recuperar o diñeiro dos contribuíntes para salvar o sistema despois da lea en que nos meteu a crise financeira, preparada e ocultada durante anos pola ideoloxía neoliberal. Ao mesmo tempo, este señor laméntase de que a proposta de reforma laboral do Goberno non sexa... máis ambiciosa! É sorprendente que nestes últimos anos non oísemos ao gobernador dicir nada dos problemas pola falta de regulación nos mercados financeiros, os elevados soldos de determinados executivos de entidades financeiras, nin os excesivos niveis de risco nos que se estaba a incorrer por determinadas políticas de
investimento crediticio, nin polo elevado nivel de endebedamento do sector privado da nosa economía. Resulta un tanto sospeitoso. Suponse que son temas da súa incumbencia.
Debe de ser que este servidor público non explica ben as súas ideas porque moitos contribuíntes non as entendemos ben. Faga un esforzo, porque, se non, imos quedar coa impresión de que o que vostede fai é defender a máxima dos neoliberais para estas ocasións: "Socializar as perdas e privatizar os beneficios".


Sabemos o que nos convén?
Pensando en noso ben e no futuro de “España”, redúcennos o soldo, conxelan a suba das pensións, atrasarán a idade de retiro e aumentarán o número de anos necesarios para cobrar a xubilación. Igualmente por noso ben, facilitarase o despedimento e, con cargo aos fondos públicos, pagaranse oito días de indemnización, antes a conta do empresario privado que despedía.
Tamén mirando polo noso benestar, aumentará o IVE, un tributo indirecto que se paga con independencia do que se gaña e, non obstante, as rendas e as ganancias máis altas terán que amolarse e esperar un tempo para ver aumentados os seus impostos.
A pesar de todo iso e doutro tanto que, con toda seguridade, se nos aveciña, os traballadores estamos fríos e distantes co Goberno socialdemócrata-discontinuo de Rodríguez Zapatero. Será que non sabemos o que nos convén?

O capitalismo ten os séculos contados
Financiamos xenerosamente a fusión das compañías aéreas, das empresas de enerxía, das grandes superficies, dos bancos, das caixas de aforro... Estes gastos supoñen un desinvestimento público catastrófico para o Estado social, ao que renunciamos antes de alcanzalo. Ademais necesitamos traballadores submisos, cargarnos a negociación colectiva, ir aos acordos de empresa, á negociación individual ou, mellor aínda, ao autoemprego.
Renunciamos ao modelo social europeo para paliar os síntomas dunha enfermidade de fondo que non se quere recoñecer: a
desaparición da soberanía popular e da vontade política conformada electoralmente, para deixar a defensa do interese colectivo aos campións económicos. Aínda Que, e esta é o gran paradoxo, saibamos que as súas decisións van ser sempre egoístas por buscar exclusivamente o seu beneficio particular e corporativo.


Os traballadores da administración pública e os servizos públicos
É inxusto que se diga que os traballadores públicos son uns privilexiados. De entrada, hai que especificar que hai moitas categorías, pero, a grandes trazos, poderíase dicir que existen os traballadores fixos e os interinos. Sobre os fixos critícase que teñan asegurado o traballo. Isto é certo, pero tiveron que superar unha proba moi dura: as oposicións. En canto aos interinos, non teñen nada blindado e, ademais, cando os fan cesar só cobran a liquidación.
Se se degradan as condicións de traballo dos traballadores públicos, toda a sociedade o sufrirá, sobre todo os colectivos máis débiles e dependentes. Un país cuns servizos públicos mal dotados convértese nunha sociedade pouco competitiva onde os conceptos de democracia e Estado de dereito quedan reducidos á mínima expresión.

 

Eu faría unha folga xeral polos políticos
Estou de acordo en facer unha folga xeral polas condicións salariais e as do traballo, pero eu tamén a faría por cortar dunha vez con toda a corrupción que hai na política. Tamén a faría polos políticos: polos seus fabulosos soldos, privilexios, prebendas, coches de alta gama,
dietas abusivas, absentismo, enchufismos, regalos, xubilacións astronómicas, vitalicias e con baixas retencións... A estes, cando lles chega a crise? Logo temos aos sindicatos, que, vendo o que hai, non abren a boca, por se acaso chégalles tamén un recorte.
Por estas inxustizas, e as que aínda me podo deixar, eu si que faría folga xeral. Se queredes pasar un mal anaco, só tedes que acceder a Internet e buscar "soldos de políticos". O que vén é de auténtica vergoña






 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript