• Número 366
  • 09 de outubro de 2017

Sindicato Labrego Galego

O SLG denuncia que Medio Rural prescinde do persoal contra incendios cando Galiza segue en risco pola seca

A Consellería demostra, unha vez máis, a súa irresponsabilidade

Hai un par de semanas, o grupo de organizacións que abandonamos o último Consello Forestal polos atrancos da Consellaría de Medio Rural á participación no Plan de Incendios de Galicia 2017 (Pladiga), denunciabamos que a mediados de setembro aínda non comezaran boa parte dos labores preventivos deste ano, que deberían terse feito no inverno e primavera pasados, antes de comezar a época de máximo risco de incendios (ver bit.ly/SenPrevLumes17).

Abondando no despropósito da política contra os incendios forestais da Xunta, agora súmase a denuncia dun novo colectivo. Nesta ocasión, a Asociación Atrifoga, que representa a operarios e operarias temporais da loita contra os lumes, vén de denunciar que, a pesares da seca persistente e das altas temperaturas, condicións que seguen a ter a Galiza en máximo risco para os lumes forestais, a Consellaría de Medio Rural acaba de enviar a 436 traballadores e traballadoras temporais ao paro, con data 30 de setembro, quedando o servizo contra incendios sen persoal suficiente para ser atendido.

Isto fixo que Atrifoga presentase un escrito diante de Medio Rural asinado por “xefes de distrito, técnicos e axentes, e incluso xefes provinciais e territoriais, onde queda patente a necesidade de que traballemos máis tempo facendo prevención e non só extinción”.

No comunicado de Atrifoga descubrimos con asombro que hai xefes de servizo que se están a facer cargo das emisoras por non haber persoal para coller o teléfono e coordinar medios, que numerosas oficinas e casetas de vixilancia fican pechadas nas quendas da noite, que na extinción dalgúns lumes están a operar a metade das motobombas necesarias por falta de condutores ou que nalgunhas oficinas dos servizos provinciais xa non atenden o teléfono.

Ademais, sorprende o desprezo da Consellaría de Medio Rural cara ao seu propio persoal laboral, a quen mandan ao paro, ao tempo que segue botando man de empresas privadas para a extinción de incendios.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos solidarizarnos cos traballadores e traballadoras temporais contra os incendios que volveron quedar sen traballo, pois o seu labor é fundamental os doce meses do ano, especialmente en labores de prevención que a Xunta porfía en non facer. Estes despidos supoñen unha decisión arriscada e temeraria da Consellaría de Medio Rural. Máis alá de seguirmos sen unha política preventiva, nin sequera se dota de medios a extinción de lumes cando, insistimos, seguimos estando en máximo risco pola seca e as altas temperaturas. Agardemos que non haxa que lamentar danos humanos pola irresponsabilidade da Xunta; se tal acontecese, que saiban que o Sindicato Labrego Galego non dubidará en denunciar con todos os medios ao seu alcance a súa flagrante neglixencia.