• Número 366
  • 09 de outubro de 2017

Pensións

Chamamento á mobilización da Coordinadora Estatal en Defensa das Pensións Públicas

O "sistema público de pensións atópase nun canellón sen saída producido polas reformas levadas a cabo no ano 2011 (PSOE e asinada polos sindicatos) e 2013 (PP)"

A través dun comunicado remitido á redacción de Canarias-semanal, a Coordinadora Estatal en Defensa do Sistema Público de Pensións (CEDSPP) denunciou que o "sistema público de pensións atópase nun canellón sen saída producido polas reformas levadas a cabo no ano 2011 (PSOE e asinada polos sindicatos) e 2013 (PP)".

A Coordinadora advirte que "o colectivo de 9.4000.000 persoas que tras a súa vida laboral accederon á situación de pensionistas e as súas familias áchanse nunha situación crítica, por mor da conxelación das pensións e ao feito que en moitos núcleos de convivencia representan a única achega fixa ás maltreitas economías das clases populares masacradas pola estafa, chamada crise".

Segundo expertos económicos e fundacións (FUNCAS), as contrarreformas impostas polos sucesivos gobernos de PSOE e PP supoñerán nun período medio de tempo unha perda do poder adquisitivo dos pensionistas do 35% "Esta situación é inadmisible e intolerable".

A Coordinadora Estatal en Defensa do Sistema Público de Pensións lembra que, con data 5/7/2017,  Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea, constituído por 71 deputados rexistrou unha Proposición de Lei elaborada co apoio de economistas e profesores de recoñecido prestixio onde se recolle a necesidade de volver á idade de xubilación de 65 anos --retirada coa reforma das pensións de 2011--, así como acabar co índice de revalorización e o factor de sustentabilidade; indexando as pensións ao IPC real.

"Sen renunciar á continuidade da loita polos nosos obxectivos  -apuntan a este respecto - saudamos e apoiamos os avances incluídos nesta Proposición de Lei, que coinciden en gran medida coa nosa táboa reivindicativa, Táboa que expoñemos ao final deste comunicado. Saudamos tamén as loitas de tod@s l@s pensionistas por unhas pensións dignas".

A Coordinadora defende que "non se pode reivindicar nas rúas menos do que se expón e se debate no Congreso d@s Diputad@s,  nin deixar excluídos dereitos humanos xa internacionalmente recoñecidos".

A Táboa Reivindicativa da Coordinadora Estatal en Defensa do Sistema Público de Pensións  é a seguinte:

Bloque legal

1 O Sistema de Pensións da Seguridade Social debe manterse como tal Sistema Público e, en caso de necesidade, ou déficit, recorrerase aos Orzamentos Xerais do Estado.

2.- Restablecer a Xubilación Ordinaria aos 65 anos, no contexto da Proposición de lei Presentada por 71 deputados no Congreso.

3.- Xubilación anticipada, sen penalizar, con 40 ou máis anos cotizados = 100%.

4.- Recuperación do Subsidio para maiores de 52 anos.

5.- Integración no Réxime Xeral de todos os Réximes Especiais da Seguridade Social.

6.- Rexeitamento ás Reformas Laborables do 2011 e 2013, xa que a precariedade laboral afecta negativamente o Sistema Público de Pensións.

Bloque económico

1.- Pensión mínima de 1.084 € (a data 2017) que garanta con dignidade a vida en relación a criterios da Carta Social Europea.

2.- Revalorización automática das pensións en relación ao IPC real anual.

3.- Recuperación económica do perdido desde 2011.

Bloque Social

1.- Redución, ata a súa desaparición, da brecha de xénero nas pensións.

2.- Modificación do tope mínimo en caso de dobre pagador.

3.- Pleno e Inmediato funcionamento da Lei de Dependencia.

4.- Eliminar todo tipo de co/repago e “medicamentazo”, restablecer os dereitos sanitarios, no sentido da sanidade pública, universal e de calidade que tiñamos.

5.- Garantía das subministracións básicas (enerxía, auga, transporte).

 6- Dereitos Humanos efectivos: Dereito á Vida, a unha Morte Digna, á Liberdade, ao Traballo, Sanidade, Vivenda, Refuxiados, Estranxeiría, etc...

Reclaman que se estableza o compromiso de levar a cabo un debate profundo a curto prazo sobre o Sistema Público de Pensións da Seguridade Social, coa participación necesaria das organizacións dos/as traballadores/as e pensionistas --pero con todas elas-- como paso previo á posta en marcha da lexislación necesaria para garantir o mantemento de Sistema Público de Pensións e importes dignos.

Expoñen, así mesmo, a necesidade de acometer unha verdadeira reforma fiscal e unha verdadeira reforma laboral, en positivo para os dereitos da maioría social, como ferramentas para facilitar a redistribución de rendas e recursos.

"Os cidadáns debemos manifestarnos e saír á rúa cuns obxectivos claros e coincidentes co que se pide polos miles de pensionistas mobilizados e se recolle por decenas de deputados na Proposición de Lei exposta, e apoiada pola CEDSPP".

"Sería absurdo e anacrónico - conclúen - esixir unhas reivindicacións menores do que realmente necesitan con urxencia os pensionistas actuais e futuros, e expostas xa no Congreso; o que de forma inmediata se traduce en Derrogar os aspectos máis regresivos das reformas das pensións de 2011 e 2013".

Recollido de Canarias Semanal